O concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, participou no acto de presentación do acondicionamento da contorna do monumento que honra ás persoas asasinadas en 1937 polos sublevados
O Concello da Coruña, da man do seu concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, rendeulle este sábado homenaxe ás vítimas do franquismo no Portiño. Nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e no que participa o Goberno municipal, presentouse á cidadanía a remodelación da contorna da escultura monumento aos Mortos do Portiño, obra de Pepe Galán.
O monumento foi presentado no 2008, un ano despois de que se cumprisen 70 anos daqueles feitos ocorridos neste pequeno porto coruñés. O 3 de marzo de 1937, decenas de persoas quixeron abandonar a cidade cara a Francia e outras zonas de España que aínda estaban baixo o goberno da República.Porén, moitos foron detidos e condenados a morte e algúns afogaron no intento.
Neste 2022, o Concello ven de rematar os traballos de acondicionamento da contorna deste monumento para volver a abrilo ao público. Estes labores foron dirixidos desde a concellaría de Medio Ambiente. O acto contou coa participación de Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; Pepe Galán, autor da escultura aos Mortos do Portiño; a poetisa Yolanda Castaño e o poeta Xavier Seoane. Tamén participou a formación musical Grus Art.
“Ninguén debe ser obrigado a fuxir do seu país e menos aínda a ser asasinado por defender as súas ideas políticas”, apuntou Jesús Celemín durante o acto, no que se recitaron varios poemas en lembranza das persoas asasinadas.