Friday 22 de November de 2024

A Xuna e a Universidade da Coruña aproveitan sinerxías para avanzar no coñecemento e mellora de xestión de recursos mariños como as algas


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro con membros do grupo de investigación de Bioloxía Costeira (Biocost) da Universidade da Coruña (UDC) para analizar o traballo realizado por este equipo nos últimos anos en distintos estudos sobre poboacións de flora existentes no litoral de Galicia como poden ser as algas. Nesta liña, as partes puxeron en valor a necesidade de que as administracións e as institucións académicas colaboren e aproveiten sinerxías co obxectivo de coñecer mellor o estado dos recursos mariños e avanzar na súa xestión e conservación.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou a boa coordinación existente na actualidade entre a Xunta e a UDC en distintos eidos de investigación e apostou por seguir avanzando neste camiño. O grupo de investigación de Bioloxía Costeira da Universidade da Coruña desenvolve métodos de avaliación, xestión sustentable e cultivo de distintas especies de macroalgas mariñas de interese industrial e aplica técnicas de biomonitorización ambiental do medio mariño mediante o uso de invertebrados e macroalgas bentónicas. Ao mesmo tempo, mantén contactos regulares coas administracións para tarefas de asesoramento e tamén con distintas empresas para avanzar no coñecemento das poboacións de algas existentes na comunidade.