Friday 22 de November de 2024

Os Orzamentos do 2022 reforzan o compromiso do Concello co tecido asociativo da Coruña


O anexo de convenios nominativos increméntase en 841.218 euros desde o ano pasado, ata os 9.251.563 euros, beneficiando a máis de 250 colectivos veciñais, culturais, sociais e deportivos

O acordo asinado polo goberno local e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022 reserva máis de 9 millóns de euros para reforzar os convenios nominativos coas entidades sociais da Coruña, un incremento de 841.218 euros sobre o ano pasado, que potencia a colaboración do Concello da Coruña co tecido asociativo da cidade, especialmente coas que prestan servizos de inclusión e emerxencia social. En total, 252 convenios con entidades veciñais, deportivas, culturais e con fins sociais beneficiaranse do apoio da institución municipal.

Mantense así o incremento establecido na última edición do PRESCO, en xullo de 2021, que xa sumara 2,4 millóns ao anexo de convenios en resposta ás necesidades derivadas da Covid, e engádense fondos adicionais por valor de 841.218 euros para reforzar aquelas áreas onde o traballo das entidades é máis necesario no actual contexto de crise.

Neste proxecto orzamentario, ademais, os convenios serven para implicar a entidades clave nas políticas innovadoras da cidade. É o caso do Colexio de Psicoloxía de Galicia (50.000 euros) para a posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental e dun servizo específico para combater a ansiedade, a depresión, o estrés e outras doenzas incrementadas pola pandemia.

É salientable tamén o convenio coa Fundación Mujeres (50.000 euros) para ofrecerlle actividades de ocio e descanso ás persoas que teñen a responsabilidade de coidar dun familiar dependente. Igualmente o impulso á creación dunha empresa municipal de enerxía verase reforzado por un acordo no que participarán as universidades da Coruña e Santiago.

Doutra banda, o Concello sostén a súa colaboración coas entidades sociais e sociosanitarias da Coruña, para facilitar que manteñan os seus servizos a persoas en risco de exclusión, sen teito, vítimas da violencia machista ou afectadas por diversas doenzas, e contribuír a que poidan asumir os gastos correntes que se están a incrementar na situación actual.

No sector cultural, un dos máis golpeados pola crise derivada da emerxencia sanitaria, consolídanse os convenios coa Asociación de Librarías da Coruña para actividades de promoción da lectura (15.000 euros) e coa Asociación Galega de Salas de Musica ao Vivo, para financiar o programa “A Coruña en directo” (30.000 euros). Destinaranse tamén 26.000 euros ao Circo de Artesáns para a correcta catalogación da súa biblioteca e hemeroteca, na  que se gardan importantes testemuños da historia coruñesa.

O labor do tecido asociativo é fundamental, porque chegan ata onde non chegan as institucións, ofrecen servizos moi necesarios e reforzan a vida comunitaria. Por iso, o Concello da Coruña recoñece o seu deber de apoialas e confirma o seu compromiso con este incremento nos convenios nominativos que se reflicte no acordo orzamentario entre a Marea Atlántica e o goberno local.

“As entidades sociais chegan ata onde non chegan as Administracións, e están a sufrir as consecuencias da pandemia, especialmente as que xeran postos de traballo. Por iso acordamos un incremento dos fondos destinados a apoialas”, explicou María García, voceira da Marea Atlántica.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, destacou a aposta dos orzamentos deste ano polo tecido asociativo da cidade como potente ferramenta para facer fronte ás necesidades máis inmediatas de moitos colectivos: “Incrementar o apoio ás entidades sociais e culturais desta cidade é tamén un xeito de mellorar os servizos aos cidadáns e as cidadás e de recoñecer o bo traballo que estas entidades están a facer”, explicou.