O Concello da Pobra do Caramiñal seguirá as recomendacións da Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento no que respecta á situación de emerxencia humanitaria en Ucraína. Por esta razón, daráselle prioridade ás achegas económicas que canalizará a través dunha ou varias ONGs, polo se comezará a organizar unha serie de eventos de carácter solidario coa pretensión de que se inicien na fin de semana do 11 ao 13 de marzo, e que poderán ter continuidade de maneira indefinida mentres se manteña o conflito e as necesidades de axuda. Faise, polo tanto, un chamamento ao tecido asociativo e á colaboración de todas as persoas que teñan o desexo de ofrecer as súas aptitudes de xeito desinteresado.
A maiores, a Administración local está valorando a posibilidade de habilitar unha partida orzamentaria con fondos propios mediante unha subvención nominativa a unha organización. Procurarase tamén contribuír á acollida de persoas refuxiadas poñendo a disposición espazos, valorando neste eido o alugueiro dunha vivenda para tal fin.
O Concello estudará tamén outras formas de axuda como a recollida e traslado de bens doados por particulares.
O goberno municipal rexeita a actual situación e condena a invasión por parte do exército ruso do territorio ucraíno, solicitando o cese inmediato de calquera acción de carácter bélico.