O cociñeiro do Grupo Nove impartiu esta mañá unha MasterClass ao alumnado do CIFP Compostela na que lles amosou as posibilidades culinarias da Filloa de Lestedo
O Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago de Compostela acolleu esta mañá unha MasterClass con Filoas de Lestedo, cociñeiro do Grupo Nove e propietario do Restaurante O Balado (Boqueixón), un dos catro de Galicia recoñecidos cunha Estrela Verde. Unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural da Filloa e o GDR Terras de Compostela para amosar aos futuros cociñeiros e cociñeiras as posibilidades culinarias da Filloa de Lestedo.
Así, Roberto Filgueira elaborou un menú coa Filloa de Lestedo como fío condutor e no que destacou especialmente a súa conxunción con outro produto da contorna de recoñecido prestixio, como é o Galo de Curral de Vila de Cruces. Previamente, Filgueira propuxera outras maridaxes da Filloa de Lestedo con foie, queixo azul e lubina. Porén, o prato máis prezado polo alumnado do ciclo medio e superior de Cociña foi a maridaxe da Filloa de Lestedo co Galo de Curral de Vila de Cruces.
Despois da MasterClass, o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, e a presidenta do GDR Terras de Compostela, María Guarina Rey Vázquez, presidiron unha degustación de Filloas de Lestedo en pratos elaborados polo alumnado dos ciclos de cociña do CIFP Compostela. Un menú composto por bombón quente de grelos e queixo Arzúa Ulloa con caldo limpo de cocido; vieira lañada con emulsión do seu coral, aguacate e salicornia; canelón de rabo de tenreira estufado con puré de apionabo e tomate pasificado; e milfollas de queixo e marmelo con redución de licor café.
A XXIX Festa da Filloa, o domingo
Con esta iniciativa rematan as actividades promocionais da Filloa de Lestedo, que celebrará a súa gran festa este domingo 6 de marzo. Ás 10:00 horas acenderase a máquina filloeira e ás 11:00 horas o Local Social de Lestedo acollerá a inauguración da mostra fotográfica “39 anos filloando”, organizada pola asociación de veciños de Lestedo.
A actuación de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio (11:30 horas) e a tradicional parranda de entroido (12:00 horas) no campo da Festa darán paso ao Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que terá lugar ás 12:30 horas. Mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, darán paso á actriz María Mera, que un ano máis presentará o pregón das festas. Un pregón que este ano correrá a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato.
A orquestra Finisterre porá o broche final a unha intensa mañá de actividades coa sesión vermú. Esta formación, canda a orquestra Olympus, protagonizarán a verbena a partir das 18:00 horas.