Friday 22 de November de 2024

A Xunta compra por máis de 392.000€ o primeiro edificio na Área Rexurbe da Coruña para rehabilitalo e ofrecer vivendas protexidas


— O Instituto Galego da Vivenda e Solo adquire unha edificación de 4 plantas, catalogada dentro do ámbito de respecto do BIC e construída probablemente antes do ano 1900

— Ángeles Vázquez enmarca a operación na aposta do Goberno galego pola recuperación de ámbitos nas cidades e vilas que requiren dunha intervención integral para garantir a súa posta en valor desde o punto de vista económico, social e demográfico

A Xunta de Galicia acaba de comprar por algo máis de 392.000 euros un edificio no centro histórico da Coruña para rehabilitalo e destinalo á construción de vivendas de promoción pública. Trátase do primeiro inmoble adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dentro do ámbito da área Rexurbe, declarada en maio de 2020 e coa que a cidade herculina se converteu no segundo municipio galego en apostar por esta figura de impulso integral á rehabilitación.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que tras formalizar a operación de compravenda, achegouse co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, ata o inmoble adquirido polo seu departamento no número 6 da rúa Santa María, en pleno corazón da Cidade Vella.

Cun total de catro plantas e varios patios traseiros con acceso directo desde o baixo, a responsable autonómica explicou que se trata dun edificio catalogado dentro do ámbito de respecto do BIC, que destaca pola especial significación arquitectónica das súas características tanto tipolóxicas como de composición.

Construída entre medianeiras e sobre unha parcela cunha superficie total de 215 metros cadrados, a edificación orixinal foi construída probablemente antes do ano 1900 e o seu estado de conservación, tanto interior como exterior, é deficiente. De feito, conta cunha declaración de ruína por parte do departamento municipal de Urbanismo, polo que a conselleira indicou que o IGVS executará as actuacións que se consideren necesarias para evitar posibles riscos ou desprendementos.

“Hoxe é un día histórico para o Instituto Galego da Vivenda e Solo pero tamén para A Coruña xa que vimos de escriturar o que vai ser o primeiro edificio adquirido dentro do Programa Rexurbe”, declarou Ángeles Vázquez.

Ao respecto, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha no ano 2018 esta iniciativa co obxectivo de localizar, comprar e rehabilitar con fins residenciais inmobles en estado de abandono ou deteriorados en conxuntos históricos e zonas degradadas.
Así, a conselleira enmarcou esta iniciativa e en concreto a adquisición hoxe do primeiro edificio na área Rexurbe coruñesa na aposta da Xunta pola recuperación de ámbitos localizados dentro das cidades e vilas galegas que requiren dunha intervención integral para garantir a súa posta en valor desde o punto de vista económico, social e demográfico.

Neste sentido, lembrou que a Consellería decidiu primar nas ofertas realizadas nos anos 2020 e 2021 para comprar inmobles o abeiro deste programa a aqueles municipios que xa contaban cunha área Rexurbe declarada.

Cómpre lembrar que esta figura se creou ao abeiro da Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbana de Galicia co fin de propiciar a recuperación socioeconómica de conxuntos históricos cun notable proceso de degradación arquitectónica, urbanística, social e económica a través de actuacións promovidas pola Xunta, os propios concellos, propietarios particulares ou promotores privados, unidos polo interese común de devolverlle a estes ámbitos o dinamismo perdido desde unha perspectiva multidisciplinar.

O desenvolvemento destas áreas ten que facerse a través da aprobación do correspondente plan de dinamización, que debe redactar pola súa conta cada concello. Trátase dun instrumento integral de planificación no que se deberán concretar todo un conxunto de medidas desde un punto de vista arquitectónico, urbanístico, económico e social que garantan a recuperación e dinamización do conxunto do ámbito.

Plan de dinamización pendente
No caso concreto da Coruña, a área Rexurbe abrangue unha superficie de 80.000 metros cadrados que inclúe a zona coñecida como Pescadería —San Andrés, Orzán e Panadeiras— e tamén a Cidade Vella —que se estende pola contorna entre as prazas de Santa Bárbara, Santo Domingo, Azcárraga e a Colexiata de Santa María do Campo—.

Tal e como lembrou a conselleira, o Concello da Coruña aínda non presentou o correspondente plan de dinamización polo que aproveitou a súa visita para animar ao Goberno local a seguir o exemplo de Mondoñedo —o único dos seis municipios con área Rexurbe que xa o ten aprobado— e avanzar neste instrumento “imprescindible” para garantir a eficacia dos obxectivos que se perseguen con esta declaración.

Por último, explicou que ao abeiro da convocatoria do ano pasado e tras analizar as propostas recibidas, o IGVS está a traballar na compra doutros tres inmobles dentro da área Rexurbe da Coruña, sendo o número 6 da rúa Santa María o primeiro edificio no que se pecha o acordo mediante a sinatura da correspondente escritura.

En todo caso, a conselleira adiantou que a Xunta volverá incluír á cidade herculina na oferta de adquisición que convocará este ano no marco do Programa Rexurbe co obxectivo de que o IGVS poida dispoñer de máis inmobles para rehabilitar e poñer á disposición dos coruñeses novas vivendas protexidas destinadas ao alugueiro social.