O proxecto, financiado con fondos Next Generation, comprende unha superficie de 5.500 metros cadrados e ten un orzamento de 761.000 euros
O Concello da Coruña levará a cabo a reurbanización e humanización da travesía Santiago Rey Fernández-Latorre, en Catro Camiños. O obxectivo deste proxecto e continuar aplicando a premisa do Goberno municipal de Inés Rey de gañar espazo para os peóns e os ciclistas nas rúa, creando unha cidade máis amable e sostible. O proxecto licitarase nas próximas semanas e estará financiado con fondos Next Generation.
A superficie total da actuación será de 5.500 metros cadrados e comprende o trazado dun carril bici unidireccional de 466 metros. Con estes traballos conectarase esta rede ciclable coa existente nas rúas Puga y Parga e Mariscal Pardo de Cela ou as de Ramón y Cajal e Pérez Arda. “Continuamos traballando na mellora de toda a nosa rede de carrís bici e na súa interconexión. Contamos xa con 50 quilómetros de carrís bici e vías ciclables na nosa cidade”, apuntou a alcaldesa Inés Rey.
O proxecto de Fernández-Latorre comprende unha reurbanización total da rúa, que gañará espazo para os peóns e ciclistas, quedando cun carril de circulación en cada sentido, o que evitará tamén a dobre fila, moi frecuente na zona. O espazo gañado será utilizado para a creación da vía ciclable e para a ampliación das beirarrúas, que serán accesibles en todos os puntos da avenida.
Por outra banda, tamén está prevista a colocación de árbores ao longo da vía e a distribución de mobiliario urbano accesible en toda a contorna. Despois dos traballos, haberá na zona 19 prazas de aparcadoiro e crearanse sete novas prazas para motocicletas. “Continuamos avanzando na creación dunha cidade máis amable e segura para as persoas”, sinalou Inés Rey.
As actuacións previstas teñen un prazo de execución de sete meses e contan cun orzamento de 761.000 euros. O Concello avanza deste xeito na renovación e humanización da contorna de Catro Camiños, onde actualmente estanse a executar os traballos para a peonalización definitiva das rúas Alcalde Marchesi e Primavera, un proxecto que contou co apoio e as achegas de veciños e comerciantes da zona.
Next Generation
O Concello da Coruña acadou este mes de febreiro 11 millóns de euros de fondos Next Generation para a humanización de rúas e a mellora da mobilidade no espazo público da cidade. Estas achegas permitirán avanzar na transformación da cidade, gañando espazo para as persoas en rúas como Ramón Cabanillas, Alcalde Marchesi ou Fernández Latorre.
Estes fondos non só permitirán licitar de xeito inmediato novas actuacións como esta, senón que tamén cubrirán o gasto noutras que xa están rematadas ou están en marcha, coa correspondente liberación de fondos propios para poder destinar a outros fins. Todas as actuacións previstas licitaranse no primeiro semestre do ano, co fin de que estean rematadas antes de decembro do ano 2023.