Na véspera do Día mundial da eficiencia enerxética, Ángeles Vázquez subliña a gran oportunidade que suporán as novas axudas para rehabilitación enerxética de inmobles, que permitirán intervir nunhas 11.500 vivendas
A Xunta de Galicia e o Clúster galego de solucións ambientais e economía circular (Viratec) colaborarán na posta en marcha de medidas que contribúan á redución do consumo enerxético e con el das emisións de CO2 procedentes dos fogares galegos, apostando por un uso razoable, sostible e eficiente da enerxía no eido residencial.
Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración da segunda asemblea xeral de Viratec, que se celebrou esta mañá na Cidade da Cultura para facer balance do primeiro ano en funcionamento da entidade e fixar os obxectivos de traballo de cara aos dous vindeiros exercicios. O acto contou tamén coa asistencia de Javier Domínguez, presidente de Sogama, que forma parte deste Clúster.
Tras salientar a importancia de que empresas do sector medioambiental galego decidiran unir esforzos para incrementar a súa capacidade tecnolóxica e de innovación e na busca dunha maior competitividade, a conselleira indicou que a Xunta coincide con Viratec na necesidade de compatibilizar a actividade económica co respecto ao medio ambiente co fin de garantir o desenvolvemento sostible da Comunidade.
Na véspera do Día mundial da eficiencia enerxética, que desde hai 24 anos se conmemora cada 5 de marzo, Ángeles Vázquez salientou que este será, precisamente, un dos principais eidos de actuación da Xunta durante 2022, sobre todo en materia residencial.
En concreto, referiuse á aposta do seu departamento por axudar a reducir os consumos dos fogares sen renunciar ao confort, subliñando a gran oportunidade que suporán os novos programas de axudas financiados con fondos europeos e destinados a actuacións de rehabilitación enerxética en edificios e vivendas.
Segundo os cálculos da Xunta, estas subvencións permitirán mellorar a eficiencia enerxética duns 11.500 fogares galegos o que suporá unha redución potencial de ata 65.000 toneladas de CO2 ao ano. Deste xeito, como apuntou a conselleira, o sector residencial será tamén unha peza clave para avanzar no obxectivo marcado pola UE de diminuír nun 55% as emisións contaminantes en Galicia antes do ano 2030.
Os responsables de Viratec, pola súa banda, amosáronse dispostos a estudar posibles vías de colaboración neste eido así como tamén noutros asuntos de interese para a Consellería como a economía circular, o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia en materia de medio ambiente ou a busca de sinerxías innovadoras para achegar solucións climáticas que xeren emprego e riqueza ao tempo que atraen novos investimentos á Comunidade.