Friday 22 de November de 2024

Adxudicación provisional das obras para a creación do viveiro de empresas de Riveira


A instalación disporá de dez despachos para os futuros usuarios, ademais dunha sala de reunións, sala de usos múltiples e outras dependencias

O Concello informa de que a creación dun viveiro de empresas en Riveira está cada vez máis cerca coa adxudicación provisional das obras para acondicionar o inmoble do antigo matadoiro e ubicar alí este novo servizo municipal destinado a estimular a actividade emprendedora na nosa contorna.

A empresa Acciona Infraestruturas foi a que obtivo unha mellor puntuación no proceso de clasificación de entre as quince empresas presentadas. A súa oferta económica ascendeu a 325.864 euros, IVE incluído.

Fundación Incyde
Cómpre lembrar que o 80% do investimento está financiado pola Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa) e o 20% restante pola Deputación Provincial. Tamén está implicado no proxecto a Cámara de Comercio de Santiago, que se encargará de prestar asesoramento aos emprendedores que se instalen no viveiro.

En virtude da obra que se vai executar, o viveiro de empresas contará cunha sala de reunións, 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, un vestíbulo/recepción/control e aseos e unha sala de usos múltiples. Como materiais empregaranse entre outros pavimento de linóneo e lamas de aluminio.

O proxecto inclúe a demolición dunhas naves anexas que no seu día foron empregadas como garaxe e zona de espera do gando e que ocupan unha extensión duns 310 metros cadrados (o 40% do total). Tamén se efectuará o derrubo dunha parte que sobresae da fachada do edificio. En troques, crearase unha área de aparcamento e o entorno será urbanizado.

A superficie total construída será de 421 metros cadrados, dos cales 362 serán superficie útil.