A peza ‘Volar es humano, aterrizar es divino’ fusiona xéneros como cine, teatro e monólogo cun obxectivo: obter o sorriso constante do público durante a función
Desde hai sete anos, e de forma consecutiva, o espectáculo teatral ‘Volar es humano, aterrizar es divino’, dirixido polo actor e piloto arxentino Enrique Piñeyro, enche de xente os mellores teatros do país austral e tamén os os de cidades como Bilbao ou Madrid.
Este venres, día 4, Piñeyro chega ao Teatro Colón da Coruña para achegar ao público unha obra de carácter humorístico que busca dous obxectivos: que as e os asistentes perdan o medo a voar en avión, e ademais, garantir os sorrisos durante toda a función. Piñeyro, comandante de liñas aéreas e director de cine e teatro a partes iguais, porá á disposición dos espectadores o seu humor ácido para facer reflexionar a todos sobre como se construiu o medo aos avións. Piñeyro aborda, con intelixencia, os erros humanos, os absurdos da comunicación e contrapón situacións da vida cotiá coa realidade da aeronáutica. Así, o director e actor arxentino tentará amosar, desde o seu punto de vista, que o mundo sería un lugar mellor se funcionase como un avión.
Coa recreación exacta dunha cabina da aeronave Boeing 737-200, e un xogo de proxeccións que transformarán o escenario do Teatro Colón nun voo, a posta en escea fusiona cine, teatro e monólogo humorístico para levar aos asistentes a unha reflexión constante entre gargalladas.
As entradas para o espectáculo, previsto este venres 4 de marzo no Teatro Colón (20.30 horas), cun prezo que vai dos 16 aos 22 euros, están á venda a través da páxina web Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases poderanse adquirir tamén o día da función, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.
A Banda de Música da Coruña, na programación municipal desta semana
Xa esta fin de semana, concretamente o domingo 6 de marzo, o Teatro Colón dará continuidade á programación cultural municipal cun novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña. ‘En clave de igualdad’, que comezará ás 12.30 horas, contará coa murciana Celia Torá como directora convidada no contexto das xornadas previas ao Día Internacional da Muller, o 8-M. A entrada será de balde ata completar capacidade.