O Concello de Touro recupera a tradición do Entroido dos Xenerais da Ulla, que no ano 2021 non se celebrou a causa da Covid19. O próximo sábado, día 5 de marzo de 2022, sairán ás rúas de Fonte Díaz os Xenerais da Ulla, tradición das parroquias de Bama e Fao. A capital do Concello de Touro acolle a súa tradicional feira do día 5, que neste tempo do carnaval, é a Feira do Entroido.
O día da Feira do Entroido, o 5 de marzo, os xenerais da Ulla de Bama e Fao teñen previsto xuntarse ás 12.00 horas diante da sede do Concello de Touro. Alí prepararánse para o desfile. Vestirán os seus vistosos e coloridos traxes de xenerais napoleónicos e sairán a cabalo cara Fonte Díaz. Lucirán tamén os seus sombreiros con plumas coloridas. Tamén participarán outros protagonistas do entroido de Touro, como o vello dos cornos. O desfile, que comenzará ás 12.30 horas, percorrerá ás rúas de Fonte Díaz, onde se celebra a feira. En diversos puntos da capital de Touro pararán e lanzarán os seus ‘vivas’. Tamén haberá o atranque ou enfrontamento dialéctico entre os xenerais a través da que se expón a situación política do momento ou feitos de interés para os veciños. Os visitantes poderán degustar productos típicos do entroido nos establecementos hostaleiros do Concello de Touro. A música nas rúas de Fonte Díaz estará a cargo da Asociación Cultural A Pinguela de Bama e da Charanga Os Atrevidos.