Saturday 16 de November de 2024

A Pobra configura un marzo violeta con motivo do Día Internacional da Muller


Numerosas propostas reivindicativas integran a programación posta en marcha polo Concello da Pobra do Caramiñal con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora no 8 de marzo. Baixo o lema “Igualdade, conta comigo!”, as actividades desenvolveranse ó longo de todo o mes. A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), manifestou que, a través deste emblema, “trátase de implica-la cidadanía e convidala a asumi-la súa parte de responsabilidade cara a cambia-la sociedade actual por unha sociedade máis igualitaria.” Así mesmo, sinalou que “é un día importantísimo sobre o cal hai que mante-la reivindicación ano tras ano”, pois “queda moito por facer.” Enumerou tamén algunhas das medidas en materia de igualdade adoptadas dende a Administración local ó longo destes anos que redundan positivamente tanto na veciñanza coma no propio persoal.

Como antesala á dita efeméride, no día 5 celebrarase A festa das mulleres no Cantón da Leña, a partir das 18.30 horas. En caso de choiva, trasladarase ó teatro cine Elma. Segundo explicou a asesora xurídica á muller, María Pérez, trátase dunha “actividade festiva e participativa onde as mulleres alcen a súa voz para cantar e comparti-las súas experiencias e coñecementos.” Consistirá nunha foliada e faladoiro feministas. Contarase, polo tanto, coa presenza dos grupos Xiada, Arrancadeira e Eiradela, que interpretarán unha adaptación feminista e actual das músicas tradicionais. As intervencións musicais estarán intercaladas cos relatos e testemuños dunha pequena representación de mulleres da Pobra procedentes de distintos colectivos, ademais da participación da Asociación Amas de Casa e da Asociación Mulleres en Acción da Barbanza.

Para o propio 8 de marzo propónselles ós centros da educación infantil e da primaria unha acción que se fundamenta na elaboración dun gorro de papel clásico con cartolina violeta que incorpore o lema escrito para, posteriormente, formar arredor de cada centro de estudos unha cadea humana portando unha pancarta na cabeceira. A axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, indicou que coa consigna deste ano se pretende “que cadaquén asuma a súa responsabilidade individual no cambio cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta, é dicir, que cadaquén se converta en axente de cambio.” Tamén se formula unha actividade complementaria e reflexiva en que o alumando escriba nun papel o que fai no ámbito persoal pola igualdade, o cal permite facer fincapé na responsabilidade individual para acada-la igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Nese mesmo día terá lugar a marcha feminista que dará comezo ás 20.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán e percorrerá as rúas peonís ata chegar á casa consistorial, onde se procederá coa lectura do manifesto que propón a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A xornada do sábado 12 contará coa representación da peza teatral Comando comadres, da compañía Matrioshka Teatro. Trátase dunha función en clave de humor e con carácter feminista que se organiza de xeito transversal dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e financiada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta. Transcorrerá no teatro cine Elma, ás 20.00 horas.

En coordinación coa área da Igualdade da Deputación da Coruña, na seguinte fin de semana achegarase a obra teatral Bravas: unha historia das nosas mulleres, protagonizada por Isabel Risco, quen ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Será no día 19, ás 20.00 horas, no teatro cine Elma.

E, finalmente, na xornada do 26 proxectarase A poeta analfabeta, un documental dirixido por Sonia Méndez e gañador dun dos premios Luísa Villalta en 2019. Achegaralle ó público asistente a figura de Luz Fandiño, o seu mundo, a súa escritura e o que a move a escribir. Tamén se levará a cabo en coordinación coa área da Igualdade da Deputación da Coruña, no teatro cine Elma, ás 20.00 horas.

Cómpre lembrar que continúa aberto ata o día 8 de marzo o prazo de presentación do concurso de microrrelatos que ten como obxectivo fomentar entre a poboación uns valores baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e eliminar comportamentos e actitudes que manteñen os estereotipos de xénero. Preténdese así impulsar un exercicio de reflexión, sensibilización e difusión. As bases están ó dispor en www.apobra.gal.