Friday 22 de November de 2024

Nova “Algueirada de inverno” este sábado en Santa Mariña do Monte


“Algueirada” é unha palabra recollida no dicionario da RAG con tres acepcións: mala acción feita con engano e trampa, diversión buliciosa e revolta ou rifa de pouca importancia. A Concellaría de Cultura de San Sadurniño elixiu a segunda -o significado festeiro- para darlle nome ao programa de descentralización de actividades “Algueiradas de inverno” que comezou o pasado 19 de febreiro en Naraío e que continuará este sábado na igrexa de Santa Mariña a partir das 17:00h. No templo xuntarase o grupo de Cantos de Taberna para ofrecer un pequeno repaso do seu repertorio nun concerto ao que poderán asistir 60 persoas como máximo. Quen queira reservar sitio nos bancos ten que chamar antes de venres ao 616 332 919.

Ademais de escoitar e corear as pezas preparadas polo grupo nos últimos meses, quen participe na xolda tamén entrará no sorteo dunha cesta con produtos de proximidade e dun vale para gastar nun establecemento local.

A actuación durará arredor dunha hora e, tan pronto como remate, a xuntanza trasladarase ao local social da Golpilleira, onde haberá agardando unha pequena merenda a base de chocolate quente e outras larpeiradas do Entroido.

Peche do Entroido en Bardaos o sábado 12
A “Algueirada de inverno” de Santa Mariña será a segunda de catro citas programadas por Cultura ata comezos de abril. A seguinte festa celebrarase no local social de Bardaos o sábado 12 de marzo tamén ás 17:00h. O cartel dese día componse, en primeiro lugar, dunha exhibición para a xente miúda e adulta dos malabares e demais artistadas de Circus Magníficus, seguida a iso das 18:00h da actuación da Escola Municipal de gaita na compaña dun obradoiro de baile tradicional. A tarde completarase cunha merendada a base de chocolate, biscoito e freixós.

Cultura premiará en Bardaos o freixó máis grande do concello. A intención é que as sobremesas participantes se presenten no local ese mesmo día, pero se houbese un de tales dimensións que fose imposible transportalo, tamén se poderá enviar unha foto ao whatsapp 616 332 919 colocándolle un metro para testemuñar o seu diámetro. Hai que anotarse no concurso nese mesmo teléfono antes do venres 11 e a cociñeira ou cociñeiro que faga o freixó de maior tamaño levará como premio un xantar ou cea para catro persoas nun restaurante local.

A derradeira “Algueirada…” terá lugar no local social da Seara, en Ferreira, o sábado 2 de abril co espectáculo infantil “De rechupete” e a actuación do grupo folk Encrucillada. Nesa ocasión proporáselle á veciñanza participar nun concurso de ramos e flores de benvida á primavera. Concederanse tres premios.