Friday 22 de November de 2024

Feijóo afirma que Galicia volverá recorreer á súa experiencia na xestión para que os Fondos Europeos cheguen aos seus destinatarios e se executen


“Esperamos que o Goberno teña en conta esta traxectoria dilatada e descentralice os fondos para resolver o atasco que, de momento, se está a producir”, incide, en relación aos fondos Next Generation

Recorda que Galicia fixo os seus deberes coa presentación dunha candidatura, con proxectos tractores capaces de modernizar a súa economía e elaborados en colaboración co tecido produtivo galego

Sostén que ante un clima xeneralizado marcado pola complexidade e as incertezas, a planificación é a mellor ferramenta das institucións e do tecido produtivo para definir o camiño no futuro

Salienta que o Plan Estratéxico, cuxas grandes prioridades son obter un crecemento medio sostido ao longo desta década de entre o 2 e o 2,5% do PIB e reducir a taxa de paro catro puntos nunha década, irase adaptando en función do escenario macroeconómico

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avalou hoxe a traxectoria das comunidades na xestión dos recursos comunitarios, no marco das políticas de cohesión; e afirmou que Galicia volverá recorrer á súa experiencia na xestión para que os fondos europeos cheguen aos seus destinatarios e se executen.

“Esperamos que o Goberno teña en conta esta traxectoria dilatada e descentralice os fondos para resolver o atasco que, de momento, se está a producir”, abundou, reiterando que a xestión útil dos Next Generation será determinante para recuperar e transformar a economía cara á innovación, á sostenibilidade e á dixitalización.

Sobre este punto, recordou que Galicia fixo os seus deberes coa presentación dunha candidatura con proxectos tractores, capaces de modernizar a súa economía e elaborados en colaboración co tecido produtivo galego.

Plan Estratéxico Galicia 2022-2030
Durante a súa intervención nunha xornada sobre o Plan Estratéxico Galicia 2022-2030, Feijóo resaltou que, ante un clima xeneralizado marcado pola complexidade e as incertezas, a planificación é a mellor ferramenta das institucións e do tecido produtivo para definir o camiño no futuro. Ao respecto, lembrou que Galicia está ultimando o terceiro Plan Estratéxico, con dúas grandes prioridades: obter un crecemento medio sostido ao longo desta década de entre o 2 e o 2,5% do PIB; e reducir a taxa de paro catro puntos nunha década e que en 2030 baixe ata o entorno do 8%.

Máis polo miúdo, destacou que a Comunidade traballará para acadar en 2030 a converxencia plena con España, en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares; que 3 de cada 4 galegos entre os 20 e os 64 anos teñan un posto de traballo; e poñer en marcha un novo Servizo Galego de Saúde.

En relación a este asunto, explicou que só as obras executadas ou comprometidas en infraestruturas hospitalarias superan os 1.000 millóns de euros. “E, no caso da Primaria, desde 2009 construímos ou reformamos 97 centros de saúde e continuaremos coa construción ou reforma de 51 centros máis”, afirmou, precisando que a estratexia inclúe, ademais, o obxectivo de reducir un 30% a espera estrutural cirúrxica e un 27% a espera estrutural de consultas.

En materia educativa destacou, a modo de exemplo, a meta de universalizar a gratuidade das escolas infantís desde setembro. E no eido de avanzar na neutralidade climática referiuse á previsión de reducir as emisións de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990; e a que as enerxías renovables alcancen ata o 58% na porcentaxe da enerxía final.

Sobre a potenciación do peso do sector industrial para reforzar a competitividade, resaltou a aposta por incrementar as exportacións ata o 45% do PIB e duplicar o gasto en I+D+i.

“E a igualdade é, tamén, unha meta irrenunciable para conformar unha Galicia sen fendas de xénero, coa equiparación das taxas de ocupación masculina e feminina”, engadiu.

O presidente da Xunta concluíu precisando que este Plan Estratéxico é un marco asentado na realidade e, polo tanto, irase adaptando, en función do escenario macroeconómico de cada momento. Así, en 2025 someterase xa a avaliación.