Friday 22 de November de 2024

Abegondo abre o prazo de solicitude na Escola Infantil Municipal Pasiños


· O período de presentación estará dispoñible entre os días 1 e 31 de marzo.

· Para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, o centro conta con horario ininterrompido de 7.45 a 19.00 horas ofrecendo, ademais, servizo de comedor escolar.

O Concello de Abegondo inicio hoxe o proceso de presentación de solicitudes de novo ingreso e reserva de prazas na Escola Infantil Municipal Pasiños de fronte ao curso 2022/2023. O servizo está dirixido a menores con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos. É unha escola con equipamento adaptado ás necesidades dos máis pequenos na que se imparte o primeiro ciclo de educación infantil non obrigatorio e que conta con catro unidades de atención.

O Concello oferta un servizo baseado nun proxecto educativo e encamiñado a favorecer un idóneo desenvolvemento e atención socioeducativa. Co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas, o horario do centro é ininterrompido, funcionando de 7.45 a 19.00 horas. A maiores, ponse ao dispor dos pais o servizo de comedor escolar para os menores a partir dun ano de idade.

Ademais dunha aposta pola conciliación, a escola infantil busca favorecer a socialización de nenas e nenos destas idades, favorecendo así ao desenvolvemento da súa personalidade. No curso académico actual contribuíuse co establecemento de medidas de impulso demográfico ao aplicarse a gratuidade da atención educativa aos segundos fillos e sucesivos. A partir do próximo curso académico, a atención educativa será gratuíta para todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil municipal de Abegondo, acolléndose así ás medidas anunciadas pola Consellería de Política Social.

Son requisitos para poder solicitar praza na Escola Infantil Municipal:

· Que o menor nacese no momento de presentación da solicitude.

· Idade do menor:

– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso. (setembro 2022).

– Non ter cumpridos os 3 anos de idade ao 31 de decembro de 2022.

Os menores que xa estiveron escolarizados no curso 2021/2022 deberán presentar a reserva da praza para o próximo curso.

O prazo de solicitude estará aberto do 1 ao 31 de marzo. A tramitación poderá realizarse a través dos seguintes medios:

· Presencialmente, solicitando cita previa no teléfono 981 64 79 96 (departamento Servizos Sociais) en horario de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres. O formulario de solicitude de praza cumprimentarase na entrevista e achegarase a documentación económica-familiar. En caso de non ser posible polo/a solicitante acudir presencialmente poderá contactar cos Servizos Sociais para cita telefónica e tramitación da solicitude.

· Telemáticamente en sede. abegondo. gal seleccionando en SERVIZOS SOCIAIS o procedemento “solicitude de praza na escola infantil municipal” e accedendo empregando o DNIe/Certificado electrónico para iniciar trámite (en liña).