Vanvos as datas entroideras desta semana en Moeche, empezando pola de mañá martes, festivo local, e as dúas que nos agardan para a fin de semana.
Martes 1 de marzo, 16:00h- Martes de Entroido na nave do Mercado
A festa do Entroido organizada polo Concello e a ANPA do CEIP San Ramón comezará ás 16:00h con obradoiros para a rapazada, inchables e o Cantabaila con La GuaGua, seguido do tradicional concurso de máscaras para todas as idades. Haberá premios en tres categorías: individual infantil, individual maiores (máis de 12 anos) e para grupos.
A entrega deses premios está prevista para as 18:45h, pensando en que a festa remate a iso das sete do serán. Antes de recollerse, a ANPA servirá chocolate con churros.
Sábado 5 de marzo, 14:30h – Cocido de Entroido da comisión de festas San Xiao-Labacengos na nave do Mercado
Se as cousas seguen indo ben o máis posible é que este verán volvamos poder gozar de novo das festas patronais. Unha das comisións que xa anda cos preparativos é a de San Xiao-Labacengos, que organiza un xantar entroideiro na nave do Mercado. O menú componse de sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, viño, refrescos, auga, café e chupiño ao prezo fixo de 20€ (gratis para rapazada de ata 10 anos). O último día para reservar é o 3 de marzo, chamando para iso ao 636 963 028 (Mely).
A festa estará animada á hora do vermú e durante o serán polo Dúo Matices e un picadiscos. Ademais, quen vaia de máscara optará aos premios para o mellor disfrace individual, mellor parella e mellor temática de grupo.
Domingo 6 de marzo, 16:30h – Despedida do Entroido da AVV Labacengos no local social do Ventoeiro
O ramo ás festas porémosllo no Ventoeiro asistindo a unha sesión de tarde con música, concurso de disfraces e degustación de doces típicos con café de pota. Haberá premio para a mellor máscara infantil e adulta. Desde a entidade informan que o aforo é limitado e que, por esta razón, fai falla anotarse ata o 4 de marzo no 606 729 038.