· A rexedora trasladoulle ao xerente da área sanitaria o malestar e a preocupación da veciñanza, que se ve obrigada a recorrer á sanidade privada.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, reclamoulle hoxe ao xerente do Sergas na área sanitaria A Coruña – Cee, Luis Verde, que se dea unha solución urxente á ausencia de servizo de pediatría que está a sufrir o municipio nos últimos días.
A rexedora trasladoulle ao responsable do SERGAS o malestar e a preocupación da veciñanza e explicoulle que moitas persoas se están vendo obrigadas a recorrer á sanidade privada xa que “en Camariñas non hai pediatra e en Vimianzo non nos poden atender porque agora mesmo están saturados, algún veciño incluso chegou a ir ata Negreira para que o seu fillo puidese ser atendido”.
Explica Sandra Insua que “esta situación non pode permitirse, outra vez máis o desmantelamento da sanidade pública está afectando a municipios como o noso” e lembra que “non é a primeira vez que ocorre algo similar, xa no mes de novembro do ano pasado tivemos que solicitar que se recuperase o servizo e no 2019 loitamos para que Camariñas seguise contando con pediatra todos os días durante 4 horas”.