Friday 22 de November de 2024

O Martes de Entroido e o Enterro da Sardiña pechan unhas intensas celebracións na Coruña


A rúa da Torre e o Campo da Leña serán este martes o epicentro dos festexos cos concursos de disfraces infantís e de choqueiros

O Entroido da Coruña chega á súa fin coa tradicional celebración do Martes de Entroido, que terá como epicentro a rúa da Torre e o Campo da Leña. Os protagonistas serán as nenas e nenos máis pequenos e os choqueiros, que competirán por ver quen leva o mellor disfrace.

Ás 12.00 horas deste martes comezará a xornada con ofrendas florais na honra de célebres choqueiros da cidade: Fernando Amaro ‘Cantero’, Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’. A primeira das homenaxes será a ‘Cantero’ na rúa Arenal, 41, ás 12.00 horas. Ás 13.15 será a ofrenda a Canzobre na praza do Parque. Ás 13.45 horas presentarase a placa conmemorativa na rúa San Xosé na honra de Luis Ramón Pegerto Rodríguez e tamén haberá unha homenaxe floral a César San José no mesmo lugar. Por último, ás 14.30 horas terá lugar a ofrenda floral a Palau na praza Juan Manuel Iglesias Mato, na confluencia das rúas San Xosé e San Xoán.

O Concello da Coruña promoveu este ano como novidade a creación do “Andar do Antroido”, un paseo da fama que anualmente lle dedicará unha lousa de pedra a un persoeiro destacado do noso Entroido. A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de destapar o pasado venres a lousa na honra de ‘Cantero’.

Á tarde realizarase o Concurso Infantil de Disfraces no Campo da Leña. Será a partir das 17.00 horas e contará coa actuación do grupo Los Mecánicos. A competición terá diferentes modalidades: disfraces en xeral, choqueiros, individual e en grupo a partir de dúas persoas.

As inscricións poderanse facer unha hora antes do comezo do concurso na oficina instalada ao lado do escenario.

Ás 19.00 horas empezarán a Festa Choqueira e o seu concurso. Será na rúa da Torre e as inscricións serán das 19.00 ás 20.00 horas na Escola Municipal de Música (rúa da Torre 67). Actuará en directo Virtual Project. Ás 21.00 horas será a entrega de premios. Tanto este concurso como o infantil estarán protexidos da chuvia grazas a unha grande estrutura situada no propio Campo da Leña.

Enterro da Sardiña
O mércores 2 de marzo terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña na praia de Santo Amaro, en Durmideiras. Este ano, con motivo do 175 aniversario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña, o velorio da sardiña celebrouse na súa sede da rúa San Andrés, 36. O mércores de cinza as socias e socios da entidade conducirán a sardiña pola rúa San Andrés ata a rúa Arenal, desde onde partirá o desfile ás 20.30 horas ata o Campo da Leña. Ás 21.00 horas procederase á desentronización do Deus Momo e a comitiva irá ata a praia de Santo Amaro, onde se procederá ao enterro. Ás 21.30 horas haberá unha sesión de fogos de artificio que poñerá o punto e final ao Entroido da Coruña.