O prazo de novas solicitudes para o curso que vén abrirá a partir do 16 de marzo
O trámite a través da Sede Electrónica poderá facerse desde mañá (festivo local), mentres que para facelo en persoa haberá que agardar ao mércores
O consistorio agarda que a Xunta decrete proximamente a gratuidade do servizo, que de momento non é oficial
Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2022/2023. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Para as novas incorporacións abrirase un segundo período de solicitude desde o 16 ata o 31 de marzo. En ambos casos o trámite poderá facerse de maneira presencial ou, preferentemente, a través da Sede Electrónica municipal.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.
A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.
O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.
As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM son as seguintes, tras actualizarse co IPC correspondente a este ano. De feito, as cotas saíron publicadas no BOP do pasado 18 de febreiro canda o resto de taxas e prezos públicos actualizados que aplicará o Concello ao longo de 2022:
CONCEPTOS
COTA VIXENTE
Matrícula (anual)
22,64 €
Mensualidade a xornada completa (8h.)
220,73 €
Mensualidade a media xornada (4h.)
132,44 €
Xornada de 2 horas
79,24 €
Hora complementaria (prezo mensual)
22,64 €
Hora extraordinaria (prezo diario)
3,96 €
Comedor mensual para almorzo
28,30 €
Comedor mensual para xantar
88,29 €
Comedor mensual para merenda
28,30 €
Comedor en día solto
4,53 €
Cómpre ter en conta que neste momento se está á espera de que a Xunta de Galicia decrete a gratuidade do servizo para toda a rapazada e non só para segundos fillos ou fillas, aínda que de momento non se produciu ningunha publicación oficial ao respecto. A medida será de aplicación tamén na escola municipal tan pronto como se anuncie no Diario Oficial de Galicia e nos termos que estipule a Administración autonómica.
Para obter máis información sobre o procedemento de reserva de praza -e tamén do que se abrirá a mediados de marzo para novos ingresos- hai que contactar coa responsable técnica do Concello nas oficinas de Servizos sociais e Igualdade, no teléfono 981 490 027 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
As familias tamén poden dirixirse ao centro -981 490 369- onde lles facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. As solicitudes deberán rexistrarse no Concello, ben de forma presencial ou preferentemente a través da Sede Electrónica municipal.