A alcaldesa anuncia o inicio do procedemento sancionador ás empresas concesionarias por incumprimento do contrato
“A cidade non pode ser refén desta situación. Non imos permitir que se utilicen os coruñeses e as coruñesas e se poña en risco a súa saúde.”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá a firma dun decreto que declara a emerxencia sanitaria na cidade e permitirá a contratación de emerxencia do persoal necesario para completar os servizos de recollida do lixo e limpeza viaria no municipio. O Goberno municipal toma esta decisión ao constatar que a prestación do servizo é totalmente deficiente desde hai seis días e estanse a producir evidentes consecuencias que poden xerar un problema de saúde pública, pola acumulación continua de lixo sen recoller nas rúas.
“A cidade non pode ser refén desta situación. Non imos permitir que se utilicen os coruñeses e as coruñesas e se poña en risco a súa saúde.”, afirmou Inés Rey durante a súa comparecencia. A alcaldesa lembrou que o Concello habilitou estes días un servizo especial de protección para os camións de recollida do lixo e outro de vixilancia, que permitiu a identificación de persoas que poderían estar relacionadas cos incidentes que investiga a Policía Nacional.
Ademais, o Concello tamén instou as empresas concesionarias dos servizos de recollida do lixo e de limpeza viaria a reforzar os seus equipos, xa non están a desenvolver o seu traballo con normalidade. Desde o Concello non se ten constancia da existencia de ningún conflito laboral aberto entre a parte social e as empresas concesionarias e non houbo ningún preaviso do exercicio do dereito a folga.
O decreto asinado este luns por Inés Rey inclúe tamén o inicio dos procedementos establecidos legalmente para sancionar as empresas adxudicatarias dos servizos de recollida do lixo e de limpeza viaria do Concello polo incumprimento do contrato. “As empresas deberán pagar por esta situación”, apuntou Inés Rey. Tras a sinatura do dito decreto, o reforzamento do servizo producirase nas próximas horas.