O BOP publica o anuncio oficial da poxa por un prezo de saída de 2,5 millóns de euros
O Boletín Oficial da Provincia publica o anuncio de alleamento mediante o sistema de poxa das dúas parcelas que aínda ten en propiedade da Deputación da Coruña no polígono de Sabón, no concello de Arteixo.
Tras aprobar no último pleno o expediente de desafectación da parcela número dous, que pasa a ser patrimonial, se procede á poxa das dúas fincas, que son colindantes, nun mesmo lote por 2.596.468,46 euros. O prazo para presentar ofertas é de 20 días a partir da súa publicación no perfil do contratante.
Ademais, tamén no pleno de marzo e debido ao cambio de titularidade do polígono industrial a favor do concello de Arteixo, aprobouse a cesión do material do que dispón a Deputación para as tarefas de mantemento do polígono. Trátase, en concreto, daquel material relacionado co servizo de subministro de auga e que ten un valor de 35.382,79 euros.
O polígono de Sabón é propiedade do concello de Arteixo dende o 4 de decembro de 2014, día no que se asinou o convenio definitivo entre o alcalde, Carlos Calvelo, e o presidente da Deputación, Diego Calvo; acordo que se conseguiu tras un “proceso histórico” de colaboración entre administracións e da man, tamén, dos empresarios do parque empresarial.