Saturday 16 de November de 2024

Varry Brava protagoniza a grande actuación musical do Entroido da Coruña


A banda ofrecerá un concerto este luns ás 21.00 horas na praza de María Pita dentro da súa xira ‘¡A bailar que son dos días!’

A praza de María Pita acollerá este luns 28 de febreiro a partir das 21.00 horas a grande actuación musical do Entroido da Coruña. Este ano, tras a obrigada pausa do 2021 pola pandemia, o Concello volveu programar unhas festas con múltiples actos e varias novidades.

Unha delas é a inclusión de concertos como o de Varry Brava. A banda formada por Óscar Ferrer, Aarón Sáez e Vicente Illescas fará parada na Coruña dentro da súa xira ‘¡A bailar que son dos días!’, na que presenta as cancións do seu último disco: ‘Hortera’. A formación está moi de actualidade tamén pola súa participación no Benidorm Fest coa canción ‘Rafaella’, coa que rende homenaxe a Rafaella Carrà. Varry Brava rematou o festival en sexta posición.

O concerto será gratuíto ata completar a capacidade na praza de María Pita. Será o colofón dos actos do Entroido na praza, onde xa tivo lugar este sábado o Desfile do Entroido e o posterior concurso de carrozas e comparsas. Os festexos trasladaranse o martes ao Campo da Leña e á rúa da Torre, como é tradición.

O Concello aposta con esta ampla e variada programación polo regreso do Entroido máis tradicional e representativo da cidade. Faino grazas á melloría das estatísticas sanitarias na cidade e tras o éxito da Cabalgata de Reis. A alcaldesa Inés Rey, que estará presente no
concerto de Varry Brava, fixo na presentación da programación do Entroido un chamamento a gozar destas festas “con sentidiño”.

Fin de festa
O Entroido da Coruña chega á súa fin mantendo a tradición de anos anteriores. O martes realizarase o concurso infantil de disfraces no Campo da Leña e a festa choqueira da rúa da Torre. Haberá actuacións musicais de Los Mecánicos e Virtual Project. O mércores 2 de marzo pecharase o Entroido co enterro da sardiña en Santo Amaro e unha sesión de fogos de artificio a partir das 20.45 horas. Podes consultar toda a programación na páxina web municipal: coruna.gal.