Unhas 30.000 persoas gozaron do evento, que rematou con música en María Pita
O Entroido da Coruña viviu este sábado un dos seus días grandes coa celebración do Desfile de Antroido e o concurso de carrozas e comparsas. As rúas do centro da cidade enchéronse de disfraces e de troula con máis de 600 persoas participando nos 12 vehículos que foron desde San Andrés ata a praza de María Pita. 30.000 persoas acompañaron o desfile polos rúas, nas que reinou o bo ambiente.
O desfile arrancou de San Andrés, á altura da rúa Santa Catalina. Desde alí avanzou polo Cantón Grande ata a avenida da Mariña para acceder á praza de María Pita. Un xurado presidido por Bettina Kohlhaas, directora da área de Cultura do Concello e formado por xornalistas e persoal cultural valorou á altura da Casa Paredes as coreografías a as carrozas que ían avanzando cara María Pita.
As comparsas participantes foron: Asociación Cultural Tarde, Mal y Arrastro, Johnny Jaime Soliz Soliz, Asociación Recreativa y Cultural Malandros Escola de Samba, Elixabeth Segundina Tola Mamani, Club Deportivo Fervello, Comparsa Festarrachada, Como Cabras Murga, Monte Alto a Cien, Comparsa Pantaleón, Xuntada Amigos da Xoldra, Asociación Os Maracos e Kilomberos de Monte Alto.
A comparsa gañadora foi Kilómetros de Monte Alto. O segundo premio foi para Malandros, o terceiro para Amigos da Xoldra, o cuarto para Pantaleón e o premio á orixinalidade para Como Cabras. Na modalidade de carrozas a gañadora foi Amigos da Xoldra. O segundo premio foi para Os Maracos, o terceiro para Festarrachada, o cuarto para Tarde, Mal y Arrastro e o da orixinalidade para Os Maracos.