O obxectivo é poñer en valor esta zona desde o punto de vista ambiental, con actuacións de recuperación e limpeza nas marxes fluviais e eliminación de especies invasoras, ao tempo que se habilita un sendeiro para atraer visitantes e potenciar o turismo sostible
A Xunta de Galicia e o Concello de Oza-Cesuras colaborarán nun proxecto medioambiental para habilitar unha senda no río Mendo ao seu paso polo municipio e poñer en valor esta zona fluvial e a súa contorna.
Así o acordaron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde Pablo González, no marco dunha reunión de traballo para abordar este e outros asuntos de interese municipal.
O obxectivo da actuación, cun horizonte de execución bianual, é poñer en valor esta zona do concello desde o punto de vista medioambiental, ao tempo que se explora o seu posible aproveitamento turístico e de ocio.
Neste sentido, os traballos nos que a conselleira se comprometeu a colaborar incluirán, entre outros, tarefas de recuperación e limpeza nas marxes fluviais e eliminación de especies invasoras co obxectivo común de conservar e protexer a riqueza do río e da súa contorna.
Así mesmo e tendo en conta que a zona na que o Concello quere intervir forma parte da Rede Natura e destaca polos seus importantes valores ambientais, o anteproxecto prevé a creación dunha senda fluvial que permitirá gozar da contorna e atraer novos visitantes a través da aposta por un turismo verde e sostible.
Pola súa parte, a conselleira salientou a notable compoñente medioambiental do proxecto, que encaixa no obxectivo da Consellería de poñer en valor o patrimonio natural de Galicia a través da busca dun equilibrio entre a súa imprescindible protección e conservación e un goce e uso público compatibles. Por iso, acordaron seguir traballando a nivel técnico para poder concretar os termos da súa futura colaboración.