Friday 22 de November de 2024

Presentado en San Sadurniño o programa “O lavadoiro”, que pretende implicar a veciñanza de maneira activa na erradicación da violencia machista


Hoxe botou a andar en San Sadurniño o proxecto piloto “O lavadoiro”, cun novo enfoque que contribúa a erradicar a violencia machista. O seu obxectivo principal é crear unha rede veciñal de facilitadoras que saiban identificar posibles situacións de maltrato físico e/ou psicolóxico e que, ademais, lle ofreza ás vítimas o apoio, a comprensión e o acompañamento necesarios para saír desa situación.

O primeiro encontro de presentación do proxecto tivo lugar na Casa da Cultura esta mesma tarde coa participación de 25 persoas, entre persoal municipal e político, representantes de entidades e varias veciñas e veciños interesados en sumarse á iniciativa. Tamén homes, parte fundamental para seguir traballando a prol dunha igualdade plena e dun novo modelo de masculinidade baseado no respecto, a corresponsabilidade e a liberdade individual.

“O lavadoiro” é un programa da área de Igualdade da Deputación da Coruña que promoverá varios encontros de traballo de aquí a maio coordinados pola Cooperativa Arabías. Serán xuntanzas moi dinámicas (non son charlas nin tampouco un curso) para aprender e intercambiar ideas.

Preténdese que o grupo de homes e mulleres siga traballando por si mesmo despois desta fase de posta en marcha, que durará ata maio-xuño, e que o faga en contacto permanente tanto co Concello como coa Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero creada en 2019.

Pódese solicitar máis información ou entrar formar parte deste proxecto tan novidoso chamando ao 981 490 027 (ext.1). Tamén se pode mandar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
Obradoiro para a rapazada sobre os novos escenarios da violencia de xénero
En relación con este tema, hoxe tamén se desenvolveu no CPI San Sadurniño un obradoiro dirixido ao alumnado de 4ª da ESO co título “Violencia de xénero no novo contexto dixital”
As mozas e mozos tomaron conciencia nesta actividade sobre cal é a utilidade da Internet, das APPs e das redes sociais que usan habitualmente, repasando o seu funcionamento e os seus beneficios… pero tamén os seus riscos.
Os contidos abordaron a denominada “violencia dixital”, que se manifesta de maneiras moi distintas -acoso, stalking, ciberbullying, etc.-, e centráronse maioritariamente en como as condutas violentas por razón de xénero se reproducen tamén nos entornos virtuais.
Esta actividade -que tivo que adiarse ata agora por mor da pandemia- encadrouse no acordo de colaboración suscrito entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a FEGAMP.