Friday 22 de November de 2024

Inés Rey inaugura o ‘Andar do Antroido’ coa primeira lousa de pedra, que honra a ‘Cantero’, na rúa da Torre


A iniciativa, presentada pola alcaldesa, busca lembrar ás grandes figuras e impulsores do Entroido da Coruña

Inés Rey: “Nunca abandonaremos o espírito festeiro que ‘Cantero’ nos inculcou”

A alcaldesa, Inés Rey, participou este venres na inauguración do Andar do Antroido, un particular paseo da fama que xa percorre a rúa da Torre, unha das vías máis icónicas desta celebración con fondas raíces na cidade e no barrio de Monte Alto.

Esta iniciativa forma parte das novidades da programación do Entroido deste 2022, que recupera o seu esplendor tras a crise sanitaria, que condicionou os festexos do 2021. O Andar do Antroido rende homenaxe aos persoeiros máis relevantes e queridos desta festividade con tanto arraigamento na cidade. Cada ano colocarase durante estas celebracións unha lousa de pedra que lembre a unha desas personalidades.

Este 2022 o homenaxeado é Fernando Amaro ‘Cantero’, “gran impulsor do Entroido coruñés”, tal e como sinalou durante o acto Inés Rey. Xunto á alcaldesa, tamén participaron na homenaxe o historiador e experto no Entroido, Xosé Alfeirán, e Romualdo Irijoa, presidente da comparsa Os Maracos, que está a ser homenaxeada polo Concello a través dunha mostra en María Pita polos seus 40 anos de historia.

“O Entroido da Coruña está moi vencellado a certas persoas que coa súa dedicación e devoción a esta festa fixeron que medrase ano a ano. Durante décadas, esta rúa da Torre, no barrio de Monte Alto, foi o epicentro da “movida” choqueira. Por iso, hoxe queremos ir un paso máis alá e convertela no noso particular paseo da fama do Entroido”, sinalou Inés Rey. Cantero dedicou a súa vida profesional a promover a cultura e as festas na cidade, tanto desde o IMCE. Presidiu a comparsa Monte Alto a 100 e promoveu numerosas iniciativas vinculadas ao Entroido durante a súa vida. “A súa perda no 2019 causou un fondo pesar entre a comunidade choqueira da Coruña. Con el marcharon numerosos lembranzas e vivencias de décadas de celebracións que partiron desde o seu querido Monte Alto. Mais nunca abandonaremos o espírito festeiro que Cantero nos inculcou”, apuntou Inés Rey.

A sardiña, no Circo de Artesáns
Con motivo do 175 aniversario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña, o velorio da sardiña celebrarase na súa sede da rúa San Andrés, 36. A partir das 23.15 horas e ata o martes, 1 de marzo, a cidadanía poderá visitala no Circo de Artesáns.

O mércores 2 de marzo, mércores de cinza, os socias e socios da entidade conducirán a sardiña pola rúa San Andres ata a rúa Arenal, desde onde partirá o desfile que a levará ata a praia de Santo Amaro, onde se procederá ao enterro.

Programación do Entroido
O Entroido da Coruña encara os seus días de máxima actividade. Este venres comezará o velorio da sardiña ás 23.15 horas na rúa Santo Tomás, celebrándose diariamente ata o martes 1 de marzo. Procederase tamén á entronización do Momo, no Cantón Grande, ás 20.30 horas.

Este sábado celebrarase o Desfile do Antroido, con saída desde a rúa San Andrés cara o Cantón Pequeno e María Pita. Haberá concurso de carrozas e comparsas e actuación musical de Broken Peach. A música regresará á praza de María Pita o luns coa actuación estelar de Varry Brava a partir das 21.00 horas. Os grandes concertos son unha das novidades desta edición do Entroido.

O martes será o turno do concurso infantil de disfraces e a festa choqueira da rúa da Torre. Haberá actuacións musicais de Los Mecánicos e Virtual Project. O mércores 2 de marzo pecharase o Entroido co enterro da sardiña en Santo Amaro e unha sesión de fogos de artificio a partir das 20.45 horas.