Inés Rey: “Estes serán os orzamentos que permitirán impulsar a nosa cidade no momento no que máis o precisa”
María García: “O diálogo serve para impulsar un orzamento para A Coruña post-covid, no que as políticas verdes, o dereito á vivenda, os coidados e a xustiza social teñen un peso decisivo”
O Goberno local e a Marea Atlántica presentaron esta mañá o acordo que permitirá a aprobación dos Orzamentos Municipais. A alcaldesa, Inés Rey, e a voceira da Marea Atlántica, María García, avanzaron as liñas do acordo e as cifras máis relevantes das novas contas municipais, unhas contas que chegan aos 309 millóns de euros e que supoñen un incremento do 19% sobre as que están en vigor.
Os orzamentos permitirán incrementar o gasto social nun 12,3%, e elevarán a partida de investimentos ata os 57 millóns de euros, permitindo poñer en marcha novos investimentos nos barrios e culminar outros xa en marcha.
“A Coruña terá neste ano uns orzamentos claramente expansivos, uns orzamentos pensados como unha potente ferramenta de dinamización económica nun momento tan delicado como o actual, mais tamén como un paraugas que amplíe o escudo social co que conta este Concello para apoiar a quen máis o precisa”, indicou Inés Rey, quen valorou a capacidade de diálogo de chegar a acordos polo ben da cidade da Marea Atlántica: “As dúas partes temos demostrado que a capacidade para chegar a acordos ten finalmente resultados, uns resultados que beneficiarán a todos e todas as cidadás”, explicou Rey, que agradeceu tamén ao portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, a súa interlocución durante os últimos meses para pechar o acordo hoxe presentado.
Na mesma liña manifestouse a voceira da Marea Atlántica, María García, quen sinalou que “as forzas políticas temos o deber de dialogar e procurar acordos, e neste caso o diálogo serve para impulsar un orzamento para A Coruña post-covid, no que as políticas verdes, o dereito á vivenda, os coidados e a xustiza social teñen un peso decisivo. Un orzamento que crea novos servizos municipais, expandindo as formas nas que o Concello pode facilitarlle a vida a veciñanza. E que atende aos barrios e afronta a emerxencia climática”.
Nos vindeiros días as dúas partes convocarán ao resto de formacións políticas para escoitar as súas achegas e incorporar aquelas que supoñan unha mellora para a cidade, coa intención de que os orzamentos poidan ser aprobados polo pleno na primeira quincena do mes de marzo