Saturday 16 de November de 2024

Preséntase a programación da Semana Santa compostelá, que recupera as procesións e unha ampla actividade relixiosa e cultural


• Haberá un total de 15 procesións, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e unha histórica procesión de traslado

• O pregón terá lugar unha semana antes do inicio dos desfiles procesionais e a persoa elixida para esta edición será a periodista compostelá Paula Pájaro

Este venres, a sala de prensa do Concello de Santiago acolleu a presentación da programación da Semana Santa 2022, na que participou o presidente da Xunta de Confrarías, José Ramón Muñiz e o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte. Despois de que as confrarías compostelás se visen na obriga de cancelar a súa actividade relixiosa, cultural e mesmo as propias procesións no ano 2020 a causa da pandemia, este 2022 as doce confrarías da cidade recuperan a súa programación.

Segundo indicaba o presidente da Xunta de Confrarías, “foron dous anos complicados para as irmandades, posto que nos vimos na obriga de cancelar todo”, salientando así mesmo que as confrarías levan meses traballando nunha programación ampla para este Ano Santo. Recuperan así as súas 17 procesións. “Hai un total de 15 desfiles procesionais, aos que se suma o exercicio do santo vía crucis e unha procesión de traslado” indicou Muñiz. Neste senso, preséntase unha novidade, que é referente ao exercicio do vía crucis. “Desde o ano 1953 víñase celebrando a tarde do Mércores Santo pero, posto que é unha preparación para a Semana Santa, adiántase ao Sábado de Paixón, 9 de abril, modificando así mesmo o seu percorrido, que se levará a cabo ao redor da Catedral, desde a Porta da Inmaculada ata a Porta Santa”, afirmou. No referente aos demais desfiles procesionais, estes non sofren variacións, salvo pequenas modificacións nos percorridos que soamente afectan a unha ou dúas rúas da cidade.

Dentro da actividade litúrxica, a Xunta de Confrarías incorpora todos os actos que levarán a cabo as diferentes confrarías, así como aqueles nos que participa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio e que terán lugar na Catedral.

Xa, no referente á actividade cultural, á marxe dalgúns actos das propias confrarías, Muñiz destacou o concerto que ofrecerá a Banda Municipal de Santiago xunto ao Orfeón “Terra A Nosa” que terá lugar en San Domingos de Bonaval o sábado 9 de abril, así como un concerto da Banda Municipal de Nerja, que se ofreceu a realizar un concerto de marchas de Semana Santa na nosa cidade con motivo do Ano Santo.

José Ramón Muñiz tamén aproveitou a ocasión para presentar o pregón desta Semana Santa. Un acto que terá lugar unha semana antes do inicio dos desfiles procesionais, tal e como se viña facendo nos últimos anos, e para o que foi elixida a recoñecida periodista compostelá Paula Pajaro, “unha persoa comprometida coa nosa Semana Santa á que sempre apoiou e demostrou o seu cariño”, afirmou Muñiz.

O presidente da Xunta de Confrarías aproveitou a ocasión para facer un chamamento a hostaleiros e comerciantes, pedindo que apoien a Semana Santa da nosa cidade, xa que ofrece procesións desde o venres 8 ata o domingo 17, sumando así 10 días consecutivos, dando a oportunidade de que turistas, visitantes e mesmo veciños poidan coñecer máis de preto a labor de moitos confrades e organizacións que están detrás dun arduo traballo que abrangue todo o ano.

Por último, Muñiz agradeceu ao Concello de Santiago a súa colaboración na impresión dos mil programas que se emitirán nas próximas datas. “Lonxe dos máis de tres mil que se fixeran en edicións anteriores, seguimos a senda da dixitalización coa finalidade de lograr un aforro económico e contribuír co medio ambiente. Calquera persoa pode consultar a nosa páxina web www.semanasantasantiago.es onde atopará este programa así como outra moita información de interese”, indicaba Muñiz. Así mesmo, indicou que a cantidade que se elabora o presente ano é fundamentalmente para turistas e visitantes así como para persoas que non conten con recursos tecnolóxicos para consultalo. Estes poderán atoparse nas sedes as confrarías así como na propia oficina de turismo a partir do Mércores de Cinza.