Saturday 16 de November de 2024

O Concello pobrense pon en marcha o programa Escola de Pais e Nais


O Centro de Atención Integral á Discapacidade (CAD) conta cun novo servizo que ofertar ás persoas usuarias. Trátase da Escola de Pais e Nais, que comezou na semana pasada e consta de 8 sesións impartidas pola psicóloga Rocío García a un total de 14 familias da rapazada do referido centro.

Segundo explicou a concelleira dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo (BNG), este programa ponse en marcha debido ás secuelas emocionais e de conduta que se observan nas crianzas como consecuencia da pandemia da COVID-19, algo que desborda os pais e as nais. Refórzase así a atención individualizada que presta o referido centro, que neste momento conta con 143 persoas usuarias.

A directora do CAD, Julia Rial, fixo un repaso pola dilatada traxectoria profesional da psicóloga que imparte este servizo, quen conta cun amplo curriculum e formación como, por exemplo, a especialidade en Psicopatoloxía e Psicoterapéutica, Psicoloxía Clínica, Mediación e en Metodoloxía dos Procesos Correctores Comunitarios.

Pola súa parte, a propia Rocío García indicou que este programa constitúe “un espazo para pensar xuntos e levar para a casa uns criterios que lle axuden a poñer en práctica aquilo que eles crean necesario dentro do seu contorno familiar.” Pártese así do estado emocional dos pais e nais “para poder axudalos logo a aborda-las dificultades dos seus fillos” e tratarase tamén a comprensión das diferentes etapas do crecemento.