Friday 22 de November de 2024

Ofrenda cívica na Pobra para render homenaxe a Rosalía de Castro


Neste 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro e o Concello da Pobra do Caramiñal impulsou unha serie de accións coas cales lle render unha homenaxe; entre elas, a ofrenda cívica que se desenvolveu hoxe na praza que leva o nome da escritora.

Amenizado polo grupo de música tradicional Trécola, o acto contou coa asistencia de membros da corporación municipal, de persoal do Concello e de veciñanza da localidade.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), puxo en valor todo canto representa Rosalía para a cultura galega, pois “é unha das figuras referentes do noso panorama literario.” Neste senso, lembrou que, ademais da tradicional ofrenda cívica, o Concello apostou novamente polo xogo-concurso As sete Rosalías, dirixido ás crianzas, e instalou nos Xardíns de Valle-Inclán unha mostra. Fixo tamén unha alusión ao significativo que resulta o poema Miña casiña, meu lar, no cal unha muller pobre, que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, consegue facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote para se alimentar. Pechou a súa intervención lendo o manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para este 2022.

Finalmente, procedeuse coa colocación do arranxo floral a carón da fonte situada na referida praza e as persoas asistentes desprazáronse ata os Xardíns de Valle-Inclán, onde se efectuou a inauguración dos paneis informativos que fan un repaso pola biografía de Rosalía e amosan imaxes súas.