Friday 22 de November de 2024

O Entroido coruñés réndelle homenaxe a María Casares este xoves de comadres


Realizarase un percorrido literario e musicalizado que percorrerá distintos puntos de interese relacionados coa actriz

O Entroido da Coruña renderalle este ano unha homenaxe a María Casares para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Será este xoves de comadres a partir das 19.30 horas e consistirá nun percorrido literario e musicalizado por distintos puntos da cidade.

O Concello da Coruña promove este 2022 o Ano Internacional María Casares, como parte dos plans do Goberno de Inés Rey para pór en valor a figura da actriz coruñesa. Este xoves de comadres, a andaina na honra de María Casares partirá da praza das Cigarreiras, na Fábrica de Tabacos, un lugar icónico da cidade na loita pola igualdade das mulleres. Alí as comadres cantarán a canción ‘As Cigarreiras’ e lerán unha carta a María Casares. A actriz coruñesa era neta dunha traballadora da Fábrica de Tabacos, de aí que se escollese este punto para comezar o percorrido.

Ás 20.00 horas iniciarase o percorrido cara o Teatro Colón, un dos principais símbolos da cultura e do teatro na cidade. Diante do edificio procederase á lectura dramatizada de ‘María, Vitola, Vitoliña’, por parte das Comadres Cigarreiras. O acto contará coa presenza da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira e coa poetisa Olga Patiño, que lerá o poema ‘Saúdo’. O Teatro Colón foi o primeiro escenario ao que se subiu a actriz coruñesa, que desenvolveu a súa carreira profesional en Francia.

Logo de cantar varias cancións en homenaxe a María Casares, a comitiva continuará o percorrido ata a Casa Museo Casares Quiroga. Alí interpretaranse dous monólogos de ‘Divinas Palabras’ e ‘La casa de Bernarda Alba’ pola actriz Maruxa Vázquez. O percorrido finalizará na praza de María Pita, onde as persoas participantes renderán homenaxe á heroína coruñesa con varias cancións.