Ines Rey: “Os fondos europeos permitirán avanzar na transformación da cidade gañando espazo para as persoas en rúas como Ramón Cabanillas, Alcalde Marchesi e Fernández Latorre”
O Concello da Coruña contará con case 11 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation, fondos que permitirán a contratación de xeito inmediato de obras de humanización en distintas rúas da cidade así como a posta en marcha de actuacións de mellora na mobilidade. A alcaldesa, Inés Rey, destacou que as propostas enviadas desde A Coruña foron moi ben valoradas polos técnicos e de aí a importante contía acadada. “Entre os fondos Next Generation e os IDAE, este Goberno local leva conseguidos máis de 22 millóns de euros procedentes de Europa para investimentos na cidade”, destacou Rey. “Esta inxección económica permitirannos seguir avanzando na transformación da cidade que estamos a impulsar desde o goberno local, e apostar por un modelo de cidade moderna, sostible e con máis espazo para as persoas”, explicou a alcaldesa.
Os fondos non só permitirán licitar de xeito inmediato novas actuacións, senón que tamén cubrirán o gasto noutras que xa están rematadas ou están en marcha, coa correspondente liberación de fondos propios para poder destinar a outros fins na cidade. Así, segundo a resolución provisional do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, os fondos europeos permitirán custear as obras de construción do novo ascensor dos Castros, xa en funcionamento, e tamén das obras de peonalización das rúas Alcalde Marchesi, Primavera e Compostela, xa en marcha. Así, o Concello poderá dispor de máis de 2 millóns de euros que tiña previsto destinar para ditos traballos.
Os Next Generation permitirán, ademais, a urbanización da avenida de Fernández Latorre desde Ramón y Cajal ata Catro Camiños, actuación orzamentada en 760.000 euros.
Acometerase tamén a peonalización total de Ramón Cabanillas, cun investimento de 923.000 euros. Ademais, o Goberno municipal dará continuidade á mellora de Alcalde Marchesi, actuando no tramo que vai desde Ramón y Cajal e A Gaiteira (676.000 euros), que permitirá gañar espazo para os peóns.
Os fondos europeos sufragarán a implantación de bicicletas eléctricas de Bici Coruña así como melloras nos tramos de carril bici existentes na cidade para mellorar o seu trazado e a súa seguridade.
Os recursos europeos empregaranse tamén na preparación da cidade para a instalación da zona de baixas emisións ás que obriga a normativa. Todos os investimentos redundan nunha mellora da calidade do aire a través da implementación de políticas encamiñadas a reducir as emisións contaminantes á atomosfera.
Todas as actuacións previstas licitaranse no primeiro semestre de ano, co fin de que estean rematadas como moi tarde en decembro do ano 2023.