Saturday 16 de November de 2024

O Coliseum da Coruña acollerá o día 8 de abril a vixésima edición do Festival Intercentros, en beneficio da Asociación Renacer


O espectáculo, que na cita anterior reuniu a 350 nenos e nenas de 18 centros educativos da cidade, volverá á súa localización habitual

A Coruña volverá a acoller o Festival Intercentros, unha iniciativa benéfica ideada para as e os máis pequenos, que financia o Concello da Coruña.

A nova edición do festival, que se celebrará o vindeiro día 8 de abril (de 17.00 a 21.45 horas), terá lugar no Coliseum.

Este mércores, o Salón Azul do Pazo Municipal de María Pita acolleu a reunión de organización previa á celebración do Festival Intercentros, reunión na que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, en representación do Goberno municipal. Tamén estiveron presentes Rodrigo Hidalgo, director do festival; e José Fernández Pernas, Jorge Rivero e Margarita Agraso en calidade de presidente, vicepresidente e traballadora social da entidade Renacer, á que irá destinada a recadación íntegra do Festival Intercentros na vixésima edición do evento.

Renacer, fundada no ano 1985 e que, desde a cidade da Coruña, axuda a persoas con adiccións, familias en risco de exclusión social e a poboación inmigrante, foi ideada como unha asociación que estivese preto da xente con dificultades, asistíndoas para cubrir as súas necesidades básicas. Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, quixo agradecer aos responsables do Festival Intercentros a organización desta cita tan vencellada á cidade, que permite dar voz aos nenos e nenas coruñeses.

O Festival Intercentros, de volta no Coliseum
O Teatro Colón acolleu, a finais do pasado mes de novembro, a XIX edición do Festival Intercentros, a primeira tras o pausa que supuxo a pandemia. O espectáculo reuniu a 350 pequenas e pequenos de 18 centros educativos da cidade, tamén a cinco organizacións sociais e públicas. Xa entón, a alcaldesa sinalou que a intención era que o festival recuperase, de cara ás vindeiras citas, a súa localización habitual: o Coliseum. Levarase a cabo, o día 8 de abril, sempre que a situación sanitaria e a normativa vixente o permita