Saturday 16 de November de 2024

O Goberno municipal amosa a súa máis absoluta condena pola sabotaxe aos camións de recollida e denunciará diante da Policía Nacional os feitos para que os autores respondan polos danos


O Concello esixe á adxudicataria que garanta o cumprimento do servizo e porá todos os medios para que así sexa

O Goberno municipal da Coruña considera intolerables os actos vandálicos e de sabotaxe que durante a pasada madrugada causaron danos en parte da flota de camións de recollida de lixo. O executivo presentará unha denuncia por ditos feitos ante a Policía Nacional para que os responsables paguen polos danos causados, e solicitará que se abran dilixencias de investigación para que a Xustiza actúe co máximo rigor contra quen atentou contra un servizo público esencial.

Ademais, o Concello solicitará á empresa concesionaria que tome cantas medidas sexan precisas para garantir a correcta prestación do servizo.

O executivo municipal amosa a súa máis absoluta condena contra uns actos que non teñen ningunha xustificación e que revisten un claro carácter delictivo. O Concello porá todos osseus medios para atallar tales comportamentos, para garantir o servizo e para axudar na identificación dos responsables de semellante acción, co fin de que respondan polos seus actos diante da Xustiza.