Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión suspende o contacontos “O poder de Rosalía” e amosa o seu pesar polo pasamento de Pedro Brandariz


Mantense a ofrenda floral da mañá na igrexa de Bastavales

O Concello de Brión anuncia a suspensión do contacontos “O poder de Rosalía”, programado para a tarde de mañá mércores na sala municipal de exposición, e amosa o seu pesar pola morte de Pedro Brandariz, protagonista deste espectáculo de narración oral e un artista que formaba parte da programación cultural brionesa con asiduidade.

O que se manterá será a homenaxe na igrexa de San Xiao de Bastavales, ás 12:00 horas, con alborada, ofrenda floral e lecturas de poemas da escritora por parte do alumando brionés. Durante toda a xornada, en distintos establecementos hostaleiros de Brión a clientela poderá gozar do “Caldo de Gloria” e do “Café con verso”. A primeira é unha iniciativa que homenaxea a Rosalía ofrecendo coas consumicións, a xeito de petisco, un tradicional caldo galego de acordo coa receita recollida nun poema da autora. Asemade, os cafés da xornada irán acompañados dun poema de Rosalía.

Concerto de Xoán Eiriz

Para o xoves 24 de febreiro queda o concerto do músico e cantante Xoán Eiriz, quen presentará en Brión o seu novo disco e fará un pequeno percorrido por algunhas das cancións máis significativas dos seus traballos anteriores. O recital terá lugar no Centro Social Polivalente, ás 20:30 horas. A entrada será de balde con reserva previa a través da plataforma billeteira.concellodebrion.gal.

A programación especial sobre Rosalía de Castro deu comezo onte luns co contacontos “A miña historia”, de Trémola Teatro. Unha trintena de persoas coñeceron mellor a vida e obra de Rosalía de Castro a través de Andrea, unha xornalista do século XIX que lles contou todo sobre a escritora.