Friday 22 de November de 2024

O Concello instala dous minipuntos limpos como parte dun proxecto piloto para favorecer a reciclaxe


Estarán situadas en Monte Alto e nas Conchiñas e permitirán separar residuos de difícil tratamento como CDs, cartuchos de tinta, lámpadas e baterías, entre outras cousas

O Concello da Coruña a través da súa Concellaría de Medio Ambiente instala hoxe dous Minipuntos limpos na cidade. Esta acción está enmarcada dentro dun proxecto piloto que permitirá favorecer a reciclaxe de produtos perigosos ou de difícil segregación. Estes dous puntos estarán no Campo de Marte, en Monte Alto, e na praza das Conchiñas, na Agra do Orzán.

A cidadanía poderá depositar nestas estruturas verticais pequenos residuos domésticos como CD e DVD, cartuchos de tinta, pequenos aparatos electrónicos ou de telefonía, baterías e acumuladores e lámpadas e tamén bolígrafos e material de escritura. Deste xeito, favorecerase a reciclaxe destes pequenos obxectos de uso cotián que acostuman rematar nos colectores de lixo inorgánico.

O Concello escolleu estas dúas localizacións para os novos minipuntos limpos por tratarse de zonas moi transitadas e cunha alta densidade de poboación. A Concellaría de Medio Ambiente avaliará durante seis meses os datos e as cifras deste proxecto piloto. A intención do Goberno municipal é expandir estes puntos pola cidade se os resultados así o aconsellan.

A maioría dos residuos seleccionados para esta iniciativa son tecnicamente reciclables, pero requiren un tratamento máis complexo e de maior custo, polo que moitsa veces non resulta rendible separalos e adoitan acabar nos vertedoiros. Con esta iniciativa do Goberno de Inés Rey conseguirase darlle unha saída adecuada a cada residuo levándoo á súa planta de reciclaxe correspondente.

O deseño permite recoller sete residuos distintos nun só dispositivo. Tamén dispoñen de dous paneis de comunicación que aproveitará o Concello para lle dar información ambiental á cidadanía.