Será o cuarto concerto do ano no Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña. O espectáculo comezará ás 20.00 horas
Este martes, 22 de febreiro, o Teatro Rosalía de Castro continúa co Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña, co cuarto concerto da programación prevista no ciclo para este primeiro trimestre do ano. Nesta ocasión, o recinto municipal acollerá unha sesión protagonizada polo dueto de violín e piano que compoñen os artistas Clara-Jumi Kang e Sunwook Kim, que revisarán sonatas do compositor alemán Ludwig van Beethoven.
Kang, recoñecida violinista que debutou con só cinco anos coa Orquestra Sinfónica de Hamburgo, actuou durante a súa traxectoria con orquestras e agrupacións de todo o mundo, ademais de amosar o seu talento no International Violin Competition of Indianapolis, onde resultou gañadora do primeiro premio no ano 2010. Pola súa banda, o surcoreano Sunwook Kim, gañador da Leeds International Piano Competition en 2006 cando apenas era maior de idade, é coñecido por ser un dos pianistas máis recoñecidos da súa xeración.
Kim xa traballou con agrupacións como a Orquestra Sinfónica de Londres e a Orquestra Filarmónica de Berlín.
As entradas para asistir ao espectáculo, que comezará ás 20.00 horas, xa están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (das 11.00 ás 15.00 h, e das 16.30 ás 19.30 h), cun prezo de 20 euros para o público xeral e de 5 euros para as persoas menores de 25 anos. Os pases tamén se poderán adquirir o martes 22, día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (das 16.00 ás 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.
Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.