Saturday 16 de November de 2024

Traballo desenvolverá nos vindeiros meses cinco obradoiros de emprego nas comarcas de Santiago, Ordes, Terra de Melide, Arzúa e Xallas


Estas iniciativas mixtas de formación e emprego beneficiarán aos concellos de Boqueixón e Vedra; Ordes, Trazo e Frades; Santa Comba; Toques e Melide; e Touro e O Pino

A Consellería de Traballo e Benestar destinará ás comarcas Santiago, Ordes, Terra de Melide, Arzúa e Xallas un total de 879.458 euros para desenvolver cinco obradoiros de emprego, que poderán beneficiar a 99 persoas sen emprego. En cada un dos obradoiros que se acaban de conceder participarán 20 traballadores e traballadoras, agás no de Santa Comba que contará con 19 participantes. Trátase da avaliación realizada pola comisión de valoración do departamento autonómico, xa que a resolución definitiva realizarase nos vindeiros días.

En primeiro lugar, os concellos de Boqueixón e Vedra desenvolverán esta iniciativa de xeito conxunto, ao igual que Ordes, Trazo e Mesía, que levarán a cabo o obradoiro denominado “Terras de Trastamara”. Pola súa banda, Toques e Melide tamén se agruparon para concurrir a este programa, como tamén fixeron Touro e O Pino. Nesta área, cerra a listaxe de concellos beneficiarios de obradoiros de emprego Santa Comba.

Estas cinco actuacións, ademais de promover a colaboración entre os concellos, apostan pola eficiencia e a optimización do investimento público e ofrecen aos seus participantes unha formación de calidade, xa que os alumnos, unha vez rematados os obradoiros, reciben un certificado de profesionalidade de validez para todo o territorio nacional.

Nas vindeira semanas, poranse en marcha na provincia da Coruña un total de 18 obradoiros de emprego en 42 concellos, que contarán cun investimento de máis de 3,26 millóns de euros, dos que se beneficiarán preto de 370 alumnos e alumnas. En toda Galicia, este programa acadará o medio cento de iniciativas, chegando aos 10,2 millóns de euros de orzamento.

Ademais, este ano o departamento autonómico convocou por primeira vez unha orde, que se resolverá proximamente, para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, Traballo investirá arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano, que terán 2.000 beneficiarios.