Friday 22 de November de 2024

A Pobra fomenta a cultura do acollemento cunha nova acción


Proseguindo co fomento da cultura do acollemento, no 26 de febreiro terá lugar unha xuntanza para compartir experiencias e inquedanzas e que está dirixida non só a familias que xa se atopan inmersas nesta causa, senón tamén a aqueles fogares que se atopan no proceso de avaliación da súa idoneidade ou a quen teña curiosidade por coñecer máis sobre esta realidade.

A concelleira dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo (BNG), manifestou que se lle dá así continuidade ás actividades xa realizadas no municipio neste eido, pois “pensamos que é fundamental favorecer que aumente o número de familias de acollida”, algo que, segundo apuntou, xa se produciu na localidade.

Doutra banda, Carmen Dourado, en representación da Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO), explicou que, ademais do incremento de familias de acollida, é necesario “un espazo de compartir, no que medrar”, razón pola cal se artella a referida charla informal como un punto de encontro e reflexión.

A dita xuntanza transcorrerá na Casa da Mocidade, a partir das 11.30 horas. A veciñanza que desexar participar pode contactar con ACOUGO a través do teléfono 622672188 ou do enderezo electrónico info@acougo.gal.