Friday 22 de November de 2024

Amigos da Xoldra gaña o Concurso de Comparsas


Máis 1.100 espectadores gozaron do tradicional certame, que premia as mellores letras e melodías, e no que tomaron parte seis comparsas

O primeiro dos concursos organizados polo Concello no Entroido deste ano celebrouse hoxe no Palacio da Ópera. Foi o Concurso de Comparsas na súa modalidade de música e letra, unha das citas tradicionais do Entroido coruñés e que acadou un notable éxito de público, con máis de 1.100 espectadores nas butacas. A alcaldesa, Inés Rey, foi a presidenta dun xurado composto tamén polos xornalistas Gema Malvido e Pablo Díaz Bouza; polo historiador Xosé Alfeirán; polo xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa; pola directora da Escola Municipal de Música, Elena Umbría e con Ana Canosa, por parte do IMCE, como secretaria.

O concurso contou coa actuación dos Kilomberos e estivo presentado por Ramiro e Gema, con homenaxe incluído á figura de Raffaella Carrá. Os Mecánicos amenizaron o certame coa súa música durante os cambios de comparsas.

En total, participaron seis comparsas que non llo puxeron fácil ao xurado. O primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Amigos da Xoldra. O segundo premio, con 1.200 euros, levouno a comparsa Monte Alto a 100. O terceiro premio, con 800 euros, foi para Os Maracos. Finalmente, recibiron sendos accésit de 150 euros as comparasas Como Cabras, Malandros e Pantaleón.

O seguinte concurso do Entroido será o de carrozas e comparsas na modalidade de
vestiario e coreografía, dentro do Desfile de Entroido que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 17.30 horas con saída desde San Andrés. Pechará este tipo de eventos o Concurso de Choqueiros e o Concurso infantil de Disfraces que se celebrarán o martes 1 de marzo no Campo da Leña e na rúa da Torre.

Este ano, como novidade, impúlsanse diferentes actuación musicais dentro do programa, destacando a de Varry Brava do luns 28 de febreiro ás 21.00 horas na praza de María Pita.

O Entroido coruñes comezou oficialmente o pasado día 17 coa presentación da exposición, na Sala de Exposicións de María Pita, da mostra que recorre os 40 anos de historia da comparsa Os Maracos.

Ademais, tamén como novidade este ano, a alcaldesa, Inés Rey, avanzou que os choqueiros terán o seu propio paseo da fama, o Andar do Antroido, que se inaugurará na rúa da Torre o vindeiro día 25.