Saturday 16 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 31 de marzo “Noir Blanc”, unha exposición de 27 obras creadas polo pintor Veiras Manteiga


Veciño de Camboño, Veiras Manteiga asegura que esta aldea lousamiá “é lugar de artistas. Temos músicos, pintores… de todo. Non sei se quedan agricultores pero artistas, si que hai”

Xoán Pastor Rodríguez corrobora que Veiras Manteiga “vive nunha aldea onde hai máis artistas e creadores por metro cadrado ca en ningunha outra do Barbanza”

Teresa Villaverde ofrece a colaboración do Concello de Lousame “para acoller calquera exposición ou intercambio entre artistas”

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e o artista José Luís Veiras Manteiga, inauguraron na noite de onte a exposición “Noir Blanc”, que poderá visitarse na casa da cultura lousamiá ata o vindeiro 31 de marzo. Un acto no que o pintor, residente na aldea de Camboño (Lousame), estivo acompañado por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do Museo do Gravado; polo músico Fernando Froján, que se encargou da apertura e peche musical, e por unha vintena de artistas, moitos deles conveciños e conveciñas seus.

“Presumimos de vivir en Camboño”, asegurou Veiras Manteiga, quen bromeou dicindo que “non vou falar da obra, que xa o fixo Pastor, vou falar de Camboño, onde temos moi bo ambiente. En Francia coñecen Camboño. Incluso viñeron pintores franceses a expoñer no Liceo e estiveron en Camboño, que é lugar de artistas. Temos a Alfonso Costa, hoxe aquí presente, pero tamén temos músicos, pintores… de todo. Non sei se quedan agricultores, pero artistas, si que hai. Espero que nestes dous meses a xente poida desfrutar e visitala”.

Un punto que corroborou Xoán Pastor Rodríguez, quen indicou que “seguramente, Veiras Manteiga irá este ano a Francia e aló os franceses oirán falar de Camboño e de Lousame. Vive nunha aldea onde hai máis artistas e creadores por metro cadrado que en ningunha outra do Barbanza. E iso é esencial para os artistas e as persoas: compartir a súa obra cos arredores e coa xente coa que viven”.

Apoio do Concello

A alcaldesa de Lousame deulle as grazas ao pintor “por expandir internacionalmente Camboño e Lousame. Nos ofrecemos a Casa da Cultura para acoller calquera exposición ou intercambios entre pintores de Camboño, doutras parroquias ou de onde sexan”. Así mesmo, Teresa Villaverde agradeceu a Veiras Manteiga “que tiveras a ben traer a túa obra para compartila cos teus veciños e veciñas de Lousame. Agardo que nos próximos dous meses poida ser visitada tamén por moita xente da comarca”.

A mostra estará dispoñible ao público na Casa da Cultura de Lousame ata o 31 de marzo, con entrada de balde. O horario de visitas será de 18:00 a 20:00 horas (luns, martes e venres) e de 11:00 a 14:00 horas (sábados).

Noir Blanc

“Noir Blanc” é unha colección de 27 traballos en tinta e acrílico sobre papel, todos eles sen título, realizados a inicios dos anos 90 por Veiras Manteiga. “Eu nunca pensei expoñela ata que este señor (Xoán Pastor) pasou polo meu taller e encontrou isto. Ata a anterior exposición en Ribeira, estas obras nunca se viran en España, salvo por unha persoa que ten dúas obras. É un cliente meu que mercou dous destes cadros no ano 91 e 92. Pero en España nunca se expuxeran, en Francia si”.

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría foi o encargado de presentar esta exposición. “Acostumados á riqueza cromática do pintor, cando falamos de Veiras Manteiga vemos un pintor cromático, de volumes, doutro tipo de trazo. Pero agora contemplamos outro tipo de obra que o encadran nun arte máis esencial, máis radical. Negro sobre branco sen referencias externas, sen símbolos, sen anécdotas. Unha arte espida que basea a súa forza na expresividade. O puro signo sen referente, o significante sen significado evidente pois o espectador debe buscar o apoio na emoción sen poder agarrarse a nada exterior. É a beleza do puro, da caligrafía do ignoto. Un camiño para afondar no primixenio”, sinala o director do Museo do Gravado.

Para Rodríguez Santamaría, “se contempláramos estas obras no 91 teríamos coñecido a un Veiras Manteiga máis íntimo e conceptual, máis esencial en sí mesmo. Temos agora a oportunidade de enriquecer o noso coñecemento dunha obra tan plural como a súa, que xa intuíamos na pureza esquemática dos volumes das paisaxes de Bretoña. Un camiño cara o profundo”.