O Concello de Riveira informa da conclusión dunha actuación en Deán dirixida á pavimentación e renovación de servizos dun tramo da rúa dos Remedios en Deán, tamén popularmente coñecida como “Rúa das Escaleiras”.
A empresa Vías y Servicios Generales S.L. foi a encargada de executar as obras, que comportan un investimento de 93.447,12 euros.
O tramo sobre o que se actuou caracterízase por unha elevada pendente, apreciándose unha zona con numerosos peldaños para salvar o desnivel existente. Ademais, o pavimento -de formigón- atópase bastante deteriorado, a zona carecía de rede separativa de pluviais e fecais e a tubaxe de abastecemento de auga é de fibrocemento.
Abastecemento
Co fin de solventar estas carencias, a actuación executada incluíu a colocación dunha tubaxe de abastecemento de auga de 185 metros de longo e 75 milímetros de diámetro feita con polietileno de alta densidade e serán realizadas 16 acometidas domiciliarias.
Polo que respecta á rede de saneamento, instalouse unha tubaxe de PVC compacta de 185 metros e 315 milímetros de diámetro, con oito pozos de rexistro e 16 acometidas. E en canto a pluviais, empregouse unha tubaxe de PVC corrugado de 185 metros e 315 milímetros, con 9 arquetas sumidoiro e 9 pozos de rexistro, ademais de 16 acometidas
Pavimentación
No que se refire á pavimentación, foron empregados 300 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón gris, combinados con 78 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón vermello, ademais de 89,40 metros cúbicos de formigón pulido.
Esta actuación adscríbese ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña.