A intervención, que se executará en horario nocturno entre o domingo 20 e o xoves 24, supón unha inversión de 109.000 euros para renovar e reparar o asfaltado na contorna do parque empresarial
O Concello da Coruña, a través da Concellaría Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, acometerá desde este domingo a mellora do asfaltado na contorna da rotonda Eduardo Diz, situada nun dos principais accesos á cidade, na confluencia entre as avenidas de Arteixo e Salgado Torres, e a rúa Severo Ochoa, ás portas do polígono de Agrela.
Os traballos, que se executarán en horario nocturno entre o domingo 20 e o xoves 24 deste mes de febreiro, abranguen a renovación e reparación do pavimento en tres áreas diferenciadas: a primeira, no carril de acceso á rotonda Eduardo Diz desde a avenida Salgado Torres, bordeando a estación de servizo adxacente, cunha intervención en máis de 2.088 metros cadrados de asfalto; a segunda, no acceso á rotonda desde a rúa Severo Ochoa, en dirección saída desde o polígono de Agrela, para a mellora do firme nunha superficie total de 1.792 metros cadrados; e, por último, nunha terceira fase, no acceso á
rúa Severo Ochoa en dirección entrada ao polígono de Agrela tras saír da rotonda, unha intervención que afectará a 1.244 metros cadrados de pavimento para a súa renovación total. A partida orzamentaria destinada a este fin é de 109.000 euros.
A actuación, solicitada pola Asociación de Empresarios de Agrela, encádrase no plan de melloras acometidas polo Goberno municipal durante o mandato de Inés Rey para integrar na cidade o parque empresarial do polígono de Agrela. Neste sentido, a alcaldesa reuniuse a comezos de febreiro coa Asociación de Empresarios de Agrela, remarcando o compromiso do Concello co polígono e os seus proxectos de futuro.
Máis de 1,4 millóns de investimento en Agrela durante o vixente mandato
O Concello da Coruña leva investidos, no que vai de mandato, preto de 1,4 millóns de euros en Agrela. Na actualidade estase a levar a cabo a obra de mellora do aparcadoiro e as zonas verdes da rúa Newton. Trátase duns traballos que foron demandados pola propia Asociación de Empresarios de Agrela. O obxectivo é reordenar as zonas axardinadas ocupadas indebidamente por vehículos privados que estacionan en áreas verdes. Para iso, estanse creando sete novas áreas de aparcadoiro, baixo a fórmula lousa-céspede.
Ademais, manterase a zona de itinerario peonil, seguro e accesible, e abordarase tamén ao proceso de plantado de árbores na contorna.