— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as actuacións levadas a cabo no concello ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, ao que este ano a Xunta destina un orzamento de 11,3M€
— Na comarca da Costa da Morte a Xunta apoiou 12 actuacións con achegas de máis de 565.600 euros deste fondo
— Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e os municipios galegos en proxectos que axuden a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a prestación de servizos públicos
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello coruñés de Coristanco, co que a Xunta colaborou o ano pasado cunha axuda de máis de 52.700 euros para a adquisición de dous vehículos para facilitar as tarefas levadas a cabo por dúas brigadas medioambientais.
Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta apoiou a compra dun camión caixa aberta e con boquete e unha furgoneta cerrada, para que os efectivos das patrullas medioambiental de Coristanco poidan retirar os vertidos incontrolados nos núcleos do municipio para a súa posterior xestión de residuos nas plantas correspondentes. As brigadas tamén se encargan da rexeneración destas zonas e da limpeza e conservación das áreas recreativas de gran interese paisaxístico que atraen aos visitantes.
A axuda enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, que conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos. A Xunta apoia a través deste fondo ás entidades locais na conservación da biodiversidade e na protección do medio ambiente e do espazo natural, así como na mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.
Deste xeito, o Goberno galego leva apoiado máis de 2.300 proxectos dos municipios da comunidade con máis de 108 millóns de euros desde a posta en marcha do FCA en 2010.
No caso do concello de Coristanco realizáronse melloras nas traídas de auga, na rede de saneamento en varios núcleos, ademais de colocar contedores para a separación de residuos e depuradoras en varias parroquias. Tamén no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, que financia a creación ou mellora de instalacións municipais, se actuou en varios parques infantís.
O concello de Coristanco recibiu o ano pasado axudas da Xunta a través do Fondo do Compensación Ambiental, ao igual que os municipios de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Dumbría, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo e Zas. En total, o Goberno galego colaborou en 12 actuacións ás que destinou máis de 565.600 euros deste fondo.
Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza e que en Coristanco supuxo nos últimos anos un investimento de case 768.000 euros. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos concellos máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario lles resultaría máis complicado ou non serían posibles.