Friday 22 de November de 2024

Acto institucional e concerto de Roger de Flor e os Peregrinos para conmemorar o Día de Rosalía


O Concello de Fene lembrará a vindeira semana á escritora galega máis universal, sumándose ás distintas administracións e entidades culturais e educativas que conmemoran a efeméride do nacemento da poetisa. Aínda que, até o de agora, a data de celebración do Día de Rosalía era o 24 de febreiro, recentemente trasladouse ao 23, logo da presentación dun estudo que acredita a data de nacemento real da escritora nese día.

Precisamente, será o vindeiro mércores, 23 de febreiro, cando Concello de Fene homenaxee a Rosalía cun acto institucional ás 20.00 horas, no parque adicado á escritora, en Perlío. Ao día seguinte, o xoves 24, o programa artellado pola Concellería de Cultura continuará cun concerto de Roger de Flor e Os Peregrinos co espectáculo “Lúa descolorida: tributo a Rosalía”. A cita será ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, con entrada de balde até completar o aforo. Actividades dirixidas a todos os públicos. .

A música de Os Peregrinos “é como unha road movie, unha xoia que che transporta moito máis alá dos territorios percorridos. O que empezou con Roger de Flor desafiando á sorte, pedíndolle a Charlie Mysterio axuda nunha canción, acabou cunha serie de intercambios, viaxes, desprazamentos, quilómetros e moita, moita inspiración”

No concerto do vindeiro xoves en Fene, acompañados de Lía Pamina, “interpretarán as cancións do seu disco Lúa descolorida: Tributo a Rosalía de Castro, inspirado nalgúns poemas do libro Follas Novas, de Rosalía. Textos nos que resalta o carácter universal e atemporal da escritora galega, enmarcados en ritmos tan diversos como a bossanova, o pop, a chanson francesa ou a música electrónica; así como outras canción xa clásicas do cancioneiro popular da nosa senlleira poeta”