O próximo venres 25 de febreiro renderase homenaxe na rúa da Torre a Fernando Amaro ‘Cantero’ nesta novidosa iniciativa
Este domingo comeza a programación das festas co concurso de comparsas do Palacio da Ópera
O Concello da Coruña impulsa dentro da programación do Entroido deste 2022 o Andar do Antroido, un particular paseo da fama coruñés para render homenaxe aos persoeiros máis relevantes e queridos desta festividade con tanto arraigamento na cidade.
Esta nova iniciativa estrearase coa homenaxe a Fernando Amaro ‘Cantero’ do próximo venres 25 de febreiro. A rúa escollida para este Andar do Antroido será a rúa da Torre, unha das vías máis emblemáticas e con máis tradición destes festexos. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que esta iniciativa do seu Goberno busca que “as persoas que deixaron unha gran pegada no noso Entroido teñan un espazo propio para sempre na nosa cidade e nunha rúa que significou tanto para eles”.
A presentación deste Andar do Antroido será ás 13.30 horas e contará coa presenza da alcaldesa e de diferentes personalidades vencelladas a estes festexos. O Entroido da Coruña comezou este pasado xoves 17 coa homenaxe a outra das referencias destas celebracións, a comparsa Os Maracos. Inés Rey inaugurou na sala de exposicións de María Pita unha mostra que repasa os seus 40 anos de traxectoria.
Concurso de comparsas
A programación do Entroido da Coruña continúa este domingo co primeiro dos concursos que se celebrarán nas próximas semanas. Trátase do Concurso de Comparsas na súa modalidade de música e letra. Celebrarase no Palacio da Ópera a partir das 18.00 horas.
O xurado deberá elixir aos tres gañadores principais e un accésit, dotados cuns premios de 1.500, 1.200, 800 e 150 euros, respectivamente. O seguinte concurso será o de carrozas e comparsas na modalidade de vestiario e coreografía, dentro do Desfile de Entroido que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 17.30 horas con saída desde San Andrés. Pechará este tipo de eventos o Concurso de Choqueiros e o Concurso infantil de Disfraces que se celebrarán o martes 1 de marzo no Campo da Leña e na rúa da Torre.
O Concello da Coruña aposta este ano pola recuperación do Entroido tras dous anos marcados polas restricións. A alcaldesa Inés Rey salientou o comportamento cívico dos coruñeses e das coruñesas durante a Cabalgata de Reis como exemplo do que debería ser unha celebración “con sentidiño”. Este ano, como novidade, impúlsanse diferentes actuación musicais dentro do programa, destacando a de Varry Brava do luns 28 de febreiro ás 21.00 horas na praza de María Pita.