A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal convoca o concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo! como antesala á programación do Día Internacional da Muller, que se conmemora no 8 de marzo. Así o deron a coñecer a edil da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e a axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez. O obxectivo do dito certame é fomentar entre a poboación uns valores baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e eliminar comportamentos e actitudes que manteñen os estereotipos de xénero. Preténdese así impulsar un exercicio de reflexión, sensibilización e difusión.
Os microrrelatos terán unha extensión máxima de 150 palabras e deberán tratar sobre a temática e lema do concurso. En consecuencia, a trama débese centrar na igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes; a participación social, política e laboral; o apoderamento feminino; masculinidades positivas; e convivencia en igualdade. Valorarase o enfoque positivo e actual dos relatos e considerarase o fomento de valores igualitarios que rompan cos estereotipos e roles discriminatorios co fin de conseguir unha sociedade máis igualitaria.
Establécense dúas categorías: a adolescente (comprende persoas con idades entre os 12 e os 17 anos, inclusive) e a adulta (para persoas dende os 18 anos en adiante).
As obras entregaranse mediante o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o prazo de presentación remata no 8 de marzo. Neste correo enviarase un documento adxunto cos datos da persoa titular do traballo, outro co microrrelato e, en caso de persoas menores de idade, un terceiro coa autorización da que teña a súa representación legal.
Os premios consistirán exclusivamente en bonos de compra na plataforma web www.deanshop.es e repartiranse un total de 600 euros en premios.
Os traballos gañadores do concurso serán elixidos por un xurado entre tódalas propostas que cumpran os requisitos sinalados nas bases que están ó dispor en www.apobra.gal. As persoas gañadoras serán nomeadas por unha resolución da Alcaldía, que será publicada no Facebook da Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal e na páxina web municipal, ademais de seren avisadas polo correo electrónico ou teléfono.