Haberá obradoiros, xogos, inchables e degustación de chocolate con churros, orellas e filloas. Inscricións de balde en bandoticket
O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá o vindeiro sábado 26 de febreiro o tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame, que se desenvolverá entre as 16:30 e as 20:00 horas. Un festival que mantén o modelo probado con éxito en 2016: non haberá concurso de disfraces, que pasará a converterse nun desfile de disfraces. “Queremos que sexa unha actividade familiar, onde a xente participe e desfrute da festa, sen ter que andar pendentes dos premios e do concurso”, explica a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.
O Festival de Entroido contará con obradoiros, xogos e inchables para os máis pequenos da casa, así como degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate con churros para todas as persoas que asistan. As familias deberán inscribirse gratuitamente en bandoticket.com e escoller a quenda na que desexen participar: de 16:30 a 18:00 horas ou de 18:30 a 20:00 horas. “Optamos por un sistema de quendas como unha medida extraordinaria de prevención, ao ter lugar nun recinto pechado. Queremos evitar no posible as aglomeracións e que todas as persoas que asistan desfruten da festa con total seguridade”, sinala Silvia Agrafojo, quen animou á veciñanza a participar do festival.