Instalaranse sistemas que miden o impacto enerxético nos inmobles que se sumen ao programa
Este proxecto forma parte da estratexia EIDUS Coruña e está cofinanciado ao 80% por fondos europeos
O Concello da Coruña pon en marcha o Programa de Caracterización e Monitorización Enerxética de edificios residenciais e vivendas do municipio, dentro da súa Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) referida ás actuacións e proxectos con fondos FEDER da Unión Europea.
O programa ten a finalidade de impulsar un cambio de modelo enerxético na cidade, que permita convertela nun lugar mais sostible, reducindo a demanda enerxética do parque residencial e impulsando os procesos de rehabilitación que melloren a calidade de vida e o confort das persoas residentes. Os destinatarios deste programa son comunidades de propietarios de edificios residenciais, así como as persoas propietarias e/ou inquilinas das vivendas que comprenden estes edificios. As vantaxes para estas persoas será dobre, pois por unha banda incidirá no seu consumo enerxético, permitindo un maior aforro grazas á optimización dos recursos. Por outra, suporá a consecución dun modelo de cidade máis sostible grazas ao maior aproveitamento dos recursos nos fogares.
Para o desenvolvemento do proxecto deseñáronse dúas fases. Na primeira, farase un mapa de perfís enerxéticos a través dos edificios e vivendas participantes, cunha recollida de datos que permitan coñecer a súa demanda enerxética actual e as súas actuais condicións interiores de confort térmico e de humidade. Para isto tomaranse como referencia 60 edificios distribuídos por toda a cidade e 600 vivendas nestes mesmos inmobles. Unha vez localizados estes edificios máis sensibles e necesitados de melloras enerxéticas e vivendas con interese en participar no estudo, identificaranse de entre estas as 240 vivendas ás que se lles instalarán sistemas de monitorización que permitan seguir no tempo o grao de confort interior e o impacto da enerxía nas familias.
Os edificios participantes beneficiaranse da emisión do certificado de eficiencia enerxética xunto coa etiqueta correspondente do rexistro do INEGA de forma gratuíta, ademais dun estudo de medidas para a mellora da eficiencia enerxética, tanto nas contratacións de subministros como en actuacións destinadas ao aforro e mellora do confort. Do mesmo xeito, poderán optar a unha mellora nas contías das subvencións municipais de rehabilitación enerxética.
Aqueles edificios que realicen accións de mellora destinadas a unha maior sostibilidade e redución do custo enerxético participarán nunha segunda fase do estudo destinada a medir os resultados destas intervencións tanto nos consumos como no confort das persoas residentes.
A posibilidade de participación no programa está aberta a todos os edificios residenciais da cidade que queiran solicitalo, dos que se seleccionará unha mostra en cada distrito.
Para achegar a información a todas as entidades e persoas interesadas realizaranse unha serie de encontros informativos abertos en distintos centros cívicos da cidade.
Terán lugar durante febreiro e marzo e neles ampliarase a información e resolveranse as dúbidas que acheguen a cidadanía interesada en participar.
As datas e lugares nos que se celebrarán os encontros de febreiro serán o martes 22 de febreiro ás 17.00 no Centro Cívico de Monte Alto, o xoves 24 de febreiro as 17.00 no Centro Cívico Os Mallos. E no mes de marzo, o xoves 3 as 11.00 no Centro Cívico Artesáns, martes 8 as 11.00 no Centro Cívico Elviña e pola tarde as 17.00 no Centro Cívico dos Rosales, mércores 9 as 17.00 no Centro Cívico Santa Margarida, xoves 10 as 17.00 no Centro Cívico Eirís , martes 15 as 19.00 en Centro Cívico de Novo Mesoiro, mércores 16 de marzo as 19.00 no Centro Ágora e o ultimo encontro será o día xoves 17 de marzo as 19.00 no Fórum Metropolitano.
Pódese acudir a calquera dos encontros inscribíndose a través do formulario da páxina web do Servizo de Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña ou a través dun código QR que hai nos carteis distribuídos polos Centros Cívicos e Rexistros Municipais da Cidade.
Para calquera consulta sobre os encontros ou a participación no programa pódese contactar a través do correo electrónico aforraenerxia@coruna.gal ou por vía telefónica no número 604 047 337 (de luns a venres, de 9.00 a 18.00).
Para máis información sobre a Estratexia EidusCoruña pódese consultar a web www.coruna.gal/eidus