Friday 22 de November de 2024

As catro provincias galegas incrementan as súas vendas ao exterior en 2021 contribuíndo ao récord histórico de Galicia


— O director do Igape, Fernando Guldrís, informou dos resultados das vendas ao exterior no último exercicio, que superaron os 25.000M€, consolidando a Comunidade entre as rexións máis exportadoras cun 8% do total do Estado

— Destaca que na Coruña as exportacións acadaron os 11.457,4 M€ no 2021, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior, e na provincia de Pontevedra medraron un 11,2%, ata os 12.072,6M€

— No caso de Ourense o incremento é dun 32,1%, superando a barreira dos mil millóns; e na provincia de Lugo creceron un 23,6%, ata os 723,2 M€

— Resalta o papel da automoción, o téxtil e o sector agroalimentario no conxunto das exportacións, e subliña o bo comportamento do naval -cun incremento interanual do 66,8%- e do aeroespacial, que medra un 83,2%

— Pon en valor o número de empresas exportadoras, que rexistra tamén un dato histórico con 9360, un 31,5% máis que no 2020

— A balanza comercial galega é a mellor de España en termos absolutos, cun saldo positivo de 5154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio, mentres que a estatal presenta unha diferenza negativa de -26.177,9M€

— Destaca a consolidación dos mercados tradicionais -Francia, Portugal e Italia-, o incremento doutros destinos como Polonia, Grecia, Países Baixos ou Bélxica, e o importante avance que amosan Estados Unidos e China

O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe os rexistros históricos que veñen de acadar as exportacións galegas, pechando o 2021 como o mellor ano desde que hai rexistros ao superar a barreira dos 25.000 millóns de euros. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia acadaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por riba do 12% con respecto ao 2019, último ano antes da pandemia.

“O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas máis complicadas. E faino acadando un rexistro histórico que permite superar por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns”, salientou Guldrís, quen puxo en valor que este récord se acada grazas á importante contribución das catro provincias galegas.

Neste sentido, o director do Igape expuxo que todas as provincias melloran os seus rexistros elevando o teito das exportacións da Comunidade. Así, na Coruña, as vendas ao exterior acadaron os 11.457,4 millóns no 2021, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior; na provincia de Pontevedra, medraron un 11,2%, ata os 12.072 millóns; en Ourense, incrementáronse un 32,1%, superando a barreira dos mil millóns (1.016,4M€); e no caso da provincia de Lugo creceron un 23,6%, ata os 723,2 millóns.

Neste contexto, Guldrís detallou os sectores con máis peso nas exportacións galegas, entre os que resaltou o papel do téxtil, cun “crecemento significativo” ao acumular 5702 millóns, o que supón un 30,3% máis que con respecto ao 2020; a automoción, que amosa unha cifra acumulada no conxunto do ano de máis de 7041 millóns (+4,6%); a industria do metal, que supera os 1865 millóns (+52,8%), e o sector agroalimentario, con preto de 3.527 millóns e unha suba de case o 14% en relación ao 2020.
Unhas industrias ás que engadiu o bo comportamento do naval, cun incremento interanual do 66,8% que lle permite superar os 583 millóns, e o aeroespacial, un sector emerxente que medra un 83,2%, situándose por riba dos 18 millóns.

Guldrís detallou tamén o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano, que acadou un novo récord situándose en 9360, un 31,5% máis que no 2020. En canto ás exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, medraron en 44 empresas e acadaron as 2563.

A mellor balanza comercial
Neste marco, o director do Igape destacou tamén que o incremento das exportacións permite a Galicia “contar coa mellor balanza comercial de España en termos absolutos”, cun saldo positivo de 5154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio. Unha situación que contrasta co conxunto estatal, que continúa en números vermellos (-26.177,9M€), case duplicando o déficit con respecto ao ano anterior.

“Con este novo fito, Galicia aséntase como un referente, supoñendo o 8% do total das exportacións estatais, e liderando, xunto ao País Vasco, as comunidades autónomas que claramente marcan o ritmo no norte de España”, expuxo Guldrís, quen tamén afondou nos principais destinos nas vendas ao exterior da Comunidade.

Entre estes, puxo de relevo as importantes subas das exportacións a países menos tradicionais como Grecia (+58,5%), Países Baixos (+37,2%), Bélxica (+33,8%), Polonia (+32,4%), Marrocos (+66,1%) ou Chile (+85,8%). Unhas cifras que complementan aos destinos máis tradicionais como Francia, primeiro mercado exportador con 5206 millóns (+2,1%); Portugal, que suma preto de 3250 millóns (+19,1%); ou Italia con 2437 millóns (+38,7%).
Así mesmo, no referente a China, as exportacións en 2021 sumaron 209 millóns (+11,5%), mentres que as vendas ao exterior galegas con destino Estados Unidos seguen a recuperar unha tendencia positiva: a cifra do ano pasado alcanza os 680 millóns, producíndose un aumento do +63,5% en comparación co 2020.

O apoio da Xunta de Galicia
Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

A Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período
2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

A través desta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.